O comercio que creou unha nova Vilalba

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

A Casa Maragata (no medio, antes do incendio) era un dos edificios máis coñecidos da rúa da Pravia
A Casa Maragata (no medio, antes do incendio) era un dos edificios máis coñecidos da rúa da Pravia CEDIDA

A chegada dos maragatos tivo lugar nun momento de expansión urbanística da vila

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En anteriores ocasións dende La Voz de Galicia (febreiro e marzo de 2019) recordamos que Vilalba deixou de ser unha vila pequena para converterse nun gran centro comercial mediante dous feitos. O primeiro foi a mellora nas comunicacións permitindo a circulación de automóbiles e carromatos tirados por cabalos que movían con rapidez as mercadorías. As estradas melloraron os trazados e substituíron camiños reais e corredoiras facendo de Vilalba o lugar de onde saían e chegaban as vías da comarca.

Recordamos que en 1853 iniciouse a construción da estada de Vilalba a Mondoñedo, que en 1860 inaugurouse a que vai de Ferrol a Castela pola ponte de Rábade e Vilalba, que en 1881 acabouse a que viña de Baamonde onde había estación de tren, que en 1905 amañouse a de Vilalba a Betanzos, que a de Vilalba a Meira empezouse en 1912 e non se acabou ata 1925 e que en 1933 foi trazada a de Vilalba a Chavín pola Balsa con ramal, moi polémico naquel tempo, á igrexa de San Simón.

O segundo foi adecuar, en 1881, un novo espazo onde celebrar as transaccións de gando maior nas feiras. Discutible foi o escoller a Chouzana porque se debeu abandonar a idea inicial de celebralas na contorna da vella torre do castelo. E Vilalba podería verse máis favorecida e os negocios ser outros se chegase prosperar o tan ansiado ferrocarril que conectase o interior da provincia coa costa, que de Lugo ou Baamonde chegase a Ribadeo por Mondoñedo e ramal a Viveiro.

Os negocios derivados dos produtos do campo, base de circulación monetaria, serviron de atracción para asentar establecementos comerciais relacionados con almacenar e importar e exportar todo tipo de mercadorías e polo tanto de creación de riquezas. Neste contexto hai que situar a edificación de novas e amplas casas que atendesen tanto aos criterios hixiénicos que as ciencias médicas aconsellaban como as necesidades e servizos que os negocios demandaban.

Especial escenario a este respecto foi a «carretera», denominación referida ao tramo da estrada de Ferrol-ponte de Rábade que en Vilalba ía dende o cruce coa estrada de Mondoñedo-Oviedo ata a Pravia. Foi aí onde se estableceron negocios emblemáticos e de referencia durante anos. Recordamos a Vizcaína, a casa Gayoso logo de don Ángel Rego, a de Jesús Gayoso e sucesores, a antiga casa Lamas, a casa Puentes,...

Entre todas era de especial referencia a casa Maragata coñecida coloquialmente como As Maragatinas. Fundada aló por 1915 por Francisco Nistal Reñones, o edificio de traza modernista foi construído para albergar o negocio de compra-venda de produtos do campo, diaria prolongación das transaccións que se realizaban nas feiras.

Soto ventilado

A distribución interior do mesmo consistía nun soto ventilado onde se mantiñan temperaturas adecuadas para almacenar carnes salgadas, un baixo onde se emprazaba o despacho separado da cociña-comedor dos moradores, unha planta alta de habitacións e un baixocuberta ou faiado alto que recibía luz por unha galería con vistas á «carretera».

Na fachada principal abríanse portas e ventás de xeneroso tamaño aportando iluminación interior e ventilación adecuadas. Os vanos rematáronse en arcos deprimidos cóncavos permitindo que os empuxes das paredes puidesen derivarse á parte máis grosa dos muros que separaban portas e ventás e polo tanto as cargas ían directamente á cimentación. Ben curadas vigas de madeira dunha soa peza repartidas estratexicamente termaban de pisos e lousado.

 

Magnífico edificio

En conxunto un magnífico edificio, posiblemente deseñado por arquitecto competente que, co oportuno mantemento, serviu para a función para a que foi deseñado durante noventa anos e que durou ata o presente. As cousas cambiaron o pasado día 7. De madrugada un veciño observou unha notoria fuga de auga. O escape xa debía levar tempo activo minando a cimentación da fachada da casa.

Todo indica que procedía da traída xeral da vila que pasa baixo a beirarrúa ao longo de toda a «carretera». Fontes consultadas informan que a tubaxe da traída de augas por esta rúa é de fibrocemento, material que resulta fráxil se non está ben asentado, e que polas noites, por non haber consumo, soporta presión maior que polo día.

O resultado foi que a auga fixo caer a fachada que daba á «carretera», que logo rompeu a tubaxe do gas e que os cables eléctricos estendidos polas fachadas producirían algunha chispa.

O virulento incendio foi inevitable ao prender o gas. Nos primeiros momentos resistiron os pisos, pero a forza das lapas provocou que a madeira ardese e logo todo se foi derrubando. O demais xa se coñece. Os resultados están á vista. Hoxe, mirando atrás, queda pensar no que se perdeu. Desapareceu unha casa e tamén deberon desaparecer documentos que ilustrarían a historia de Vilalba do século XX.

 

Prosperidade

Poida que a través deles se puidesen rastrear as circunstancias da chegada de familias maragatas á comarca e os negocios das feiras. Perdeuse un magnífico edificio que era dos poucos exemplos de construcións modernistas que quedan despois de que o antigo cine morrese pola especulación.

Perdeuse a moblaxe interior da casa, de primeira calidade, algunha tamén modernista, que se mantiña con toda fidelidade aos momentos nos que se adquiriu. Perdéronse recordos de dúas xeracións de orixe maragata con sona de seriedade, e que, lonxe do estraperlo, contribuíron ao comercio e prosperidade de Vilalba e comarca.

Un amplo intercambio comercial que cambiou coa chegada do tren

Sabemos que os maragatos, negociadores de mercadorías, chegaron a Vilalba aló a ediados do século XIX. Vías de trazado medieval ou camiños reais eran testemuñas das cargas transportadas por recuas de mulas que guiaban os arrieiros e dalgúns carromatos tirados por cabalerías cando os camiños non enlamaban. Eran comerciantes serios, mantiñan a palabra dada, podíase confiar neles e como tales eran respectados e apreciados.

Aínda que polo xeral negociaban en calquera mercadoría que dese beneficios, o seu comercio centrábase nos produtos relacionados coa alimentación e coa manufactura da la de ovella e dos tecidos. De terras leonesas e da Meseta traían garavanzos, lentellas, azucre, viño, queixos moi curados, aceite e mesmo bacallau salgado que se descargara en portos cántabros. Para aquelas terras saían carnes salgadas, produtos das matas e dende a costa exportábanse peixes frescos e salgados, moluscos e conservas.

Os tempos cambiaron coa chegada do ferrocarril. Os arrieiros maragatos non puideron coa súa competencia. En 1875 inaugurouse do tramo A Coruña-Lugo e en 1883 o tren chegou a Monforte dende a Meseta por Astorga e Puente Domingo-Flórez, seguindo o Sil. Foi daquela cando adoptaron unha nova estratexia comercial consistente en establecerse de xeito permanente nos lugares por eles coñecidos, onde non eran estraños, que reunían boas comunicacións no sector de negocios que dominaban.

O incendio causou graves danos no edificio
O incendio causou graves danos no edificio

Así aínda hoxe observamos os establecementos maragatos ao pé de camiños en vilas ou lugares onde comprar e vender era posible e onde podían ser servidos por outros comerciantes cos que mantiñan relacións de negocios. Naturalmente en Vilalba, onde foron protagonistas apelidos que se repiten: Lafuente, Criado ou Nistal. Foi así como naceron as casas maragatas, case todas relacionadas co sector da alimentación: ultramarinos, tabernas e casas de comidas ou compra-venda de carnes curadas, embutidos, queixos, ovos,...

Este foi o caso que hoxe valoramos. Sirvan estas liñas para recordar o matrimonio de Francisco Nistal Reñones (1888-1964) e Dominga Reñones Alonso (1888-1931) e as súas fillas Pepita (1925-1985), Elvira (1915-2001) e Pilar (1922-2016) Nistal Reñones. Durante cen anos viron pasar por diante da porta a intrahistoria de Vilalba.