Vilalba, un tesouro arqueolóxico que necesita máis recoñecemento social

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

As pezas atopadas usábanse en ofrendas hai milleiros de anos
As pezas atopadas usábanse en ofrendas hai milleiros de anos CEDIDA

As parroquias do norte do municipio ofreceron valiosos achados en décadas pasadas

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 28 de abril pasado La Voz de Galicia deu noticia dun machado prehistórico, tardoneolítico, que viaxou dende os Alpes italianos a Vilalba pasando pola Bretaña francesa. Do asunto ocupáronse tres investigadores da USC ademais doutros catro de distintas procedencias. A peza foi depositada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Compostelá na década de 1920 e procede da colección de Santiago de la Iglesia, quen a recibira de Manuel Mato Vizoso a finais do século XIX ou na primeira década do XX. En orixe disque foi atopada no lugar de Bouza ou de Veiga de Garea, parroquia de Vilapedre, ao sur da serra da Carba.

Pola foto do machado que ilustra a noticia e porque o coñecemos dende hai anos, sabemos que mide 13,5 centímetros de longo, que é de cor verde con vetas claras e que preto do extremo proximal presenta unha perforación que puidera servir para ser colgada como amuleto. É unha peza interesante, pouco frecuente e que ben merece unhas liñas para que sexa coñecida e valorada. Tamén paga a pena pararse un momento noutros dous grupos de pequenos machados case esquecidos, de semellantes características pero de orixe próxima.

Son un total de once pezas que, xunto con outros materiais, tiveron entrada aló por 1950 e 1960 no Museo Provincial de Lugo, onde se gardan. Seis máis expuxéronse para os escolares de Moreda (Lanzós) en 1988, con motivo da participación do colexio no programa da TVG «De escola a escola». Tanto uns coma outros proceden das parroquias de San Simón da Costa e Samarugo, veciñas de Vilapedre e tamén emprazadas na parte sur da serra da Carba. Lamentablemente non se coñecen nin os lugares nin as circunstancias concretas nas que se atoparon, pero sabemos que parte deles apareceron ao arar con arados de ferro, que afondaban na terra máis que os tradicionais de madeira.

Sábese con seguridade que hai uns catro mil anos formaban parte da ofrenda que se facía a un defunto cando era sepultado entre pequenas pedras ou lousas que protexían o cadáver nunha case imperceptible cista ou medoña. Do estudo dos pequenos machados anotamos que algúns están rematados con perfecto pulido e tacto suave, outros non foron acabados e mesmo que hai algún que semella a medio facer porque o anaco de pedra do que se partiu non permitiu máis traballo que o realizado.

 Pequenos sinais

No gume dalgún obsérvanse pequenos sinais de uso só perceptibles con lentes de aumento, como de cortar cousas delicadas. O tipo de pedra na que foron realizados son variedades dun mineral coñecido como sillimanita, silicato de aluminio, rocha metamórfica, que presenta colores claras con vetas escuras que parecen formar augas. A jadeíta tamén é un silicato, pero aluminicosódico. Cando nalgunha ocasión estudamos estes machados, xa manifestamos que descoñeciamos na comarca lugares onde puidesen existir vetas deste mineral e deduciamos que chegarían, ben a materia prima, ben manufacturados, por medio de comercio ou intercambio.

Hoxe sabemos que existen afloramentos de sillimanita nos montes da Toxiza, entre Mondoñedo e Alfoz, é dicir, no norte da serra da Carba, a menos de dúas xornadas de camiño, ida e volta, das parroquias de San Simón da Costa e Samarugo. Se ao anterior unimos que unha porcentaxe relativamente elevada de cistas e medoñas estaban emprazadas a carón de camiños e pasos naturais que comunicaban áreas xeográficas, concluiremos que a circulación de viaxeiros e dalgunhas mercadorías de luxo xa estaba presente hai varios miles de anos.

Que se depositasen obxectos de valor en tumbas, e polo tanto que se amortizasen e sacasen da posesión e comercio dos vivos, tamén nos leva a reflexionar sobre a espiritualidade e crenzas daquelas xentes que facían acompañar os defuntos de útiles preciosos para que lles servisen no alén. Pensará o paciente lector que os machados neolíticos remataron a súa función acompañando un defunto. Pois resulta que a realidade é máis complexa.

Pasaron séculos e estes artefactos foron coñecidos, aínda o eran hai pouco, no mundo rural como pedras do raio, por pensarse que foran fabricados por un fenómeno atmosférico case divino ou polo menos rodeado de misterio. E por ser incomprensible a súa orixe, os seus poderes e aplicacións estaban rodeados dun halo de misterio.

 No corno ou no pescozo

Acompañados de estampas piadosas, oracións tipo gozos ou herbas sandadeiras, non era infrecuente velos metidos en pequenos fardelos colgados do corno ou do pescozo da vaca que se consideraba enferma desas enfermidades que nin menciñeiro, veterinario ou albeite curan, deses males que veñen co aire e que, se cadra, marchan co vento. Todos estes datos amosan a riqueza patrimonial histórica e etnográfica que posúen as terras de Vilalba e que convén recordar e poñer en valor.

Tamén inducen a pensar na estratéxica situación da comarca como lugar de paso entre zonas da xeografía galega dende o remoto dos tempos, posición que aínda se mantén hoxe. Sempre insistimos en que en Vilalba conflúen os camiños que van do alto Miño ao Eume, da meseta lucense á Mariña Occidental e dos ramais que comunican estes dous eixes viarios. Do asunto ben se pode tomar nota nos nosos tempos, porque xa se sabe que polos grandes itinerarios aparecen viaxeiros, comerciantes, negocios, intercambios de produtos e ideas... En definitiva, riqueza e progreso.

Manuel Mato Vizoso, estudoso e animador da vida cultural da vila

Unha rúa e un colexio levan o nome deste ilustre vilalbés que viviu entre 1846 e 1909. Traballou como funcionario do xulgado municipal e dedicou gran parte do seu tempo libre a recompilar datos históricos e á creación literaria. Hoxe coñecemos os seus escritos históricos por estar agrupados nun volume promovido polo centro educativo que leva o seu nome. Sabemos que mostrou gran interese na historia de Vilalba e a súa comarca e, polo tanto, en conservar obxectos arqueolóxicos aparecidos ao chou. Sempre anotaba con coidado tanto o que vía coma a información que lle facilitaban.

Fachada da casa natal de Manuel Mato Vizoso, na rúa Concepción Arenal, na zona vella de Vilalba
Fachada da casa natal de Manuel Mato Vizoso, na rúa Concepción Arenal, na zona vella de Vilalba CARLOS CASTRO

Estudaba lugares onde eran visibles restos históricos e arquitectónicos e non deixaba de informarse do que outros investigadores manifestaban ao respecto. Así explicamos a súa relación con Santiago de la Iglesia, quen aló por 1911 foi un dos promotores da campaña promovida para que a torre do castelo de Vilalba non se derruíse como pretendía certo promotor inmobiliario que ten rúa na vila.

Os estudos de Manuel Mato Vizoso tiveron recoñecemento. O Concello de Vilalba outorgoulle o título honorífico de cronista da vila, a Real Academia Galega nomeouno correspondente e a colonia habaneira custeou e colocou unha placa na súa casa cando lle rendeu unha sincera homenaxe no san Ramón de 1917. Pero Manuel Mato Vizoso non só mostrou interese en asuntos históricos. Tamén é autor dunha interesante obra literaria. Compuxo poemas de circunstancias e de recreación e dramatización histórica e, sobre todo, destaca como autor de pezas teatrais breves, chamadas apropósitos, que merecerían ser reunidas, publicadas e difundidas para que os estudosos do asunto lle outorgasen o lugar que merece dentro da literatura galega. A modo de exemplo recordamos que, con música do seu irmán Santiago Mato, é autor dunha peza en galego e castelán, «Juan Soldado o El repatriado de Cuba», que se puxo en escena por primeira vez en Vilalba o 10 de agosto de 1899, que se representou sucesivamente e na que trata a dolorosa repatriación dos soldados que serviron con honor en Cuba. Polas crónicas dos trinta primeiros anos do século XX, e aínda despois, sabemos que unha velada literaria na vila non se remataba sen que os asistentes coreasen a peza «Maruxa ou Os cantares de Villalba», letra e música de ambos irmáns, estreada o 4 de xaneiro de 1897.