José María Chao Ledo, un poeta de Vilalba que non coñeceu en vida a gloria literaria

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Placa colocada en Vilalba, na zona da Ferrería, na casa construida onde estivo a natal de Chao Ledo
Placa colocada en Vilalba, na zona da Ferrería, na casa construida onde estivo a natal de Chao Ledo XOSÉ A. POMBO

A súa obra, que incúe composicións en galego e en castelán, foi publicada tras a súa morte

05 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Tardade niño de amores/ onde a pombiña descansa,/ doce e mansa, / co ramalliño da paz/ entre escuras carballeiras,/ cabo das ledas ribeiras/ que lambe o fondo Trimaz...» Estes versos, aprendidos da nai estando de romaría no adro da capela da Virxe, gardados na memoria durante máis de sesenta anos, ben deberan ser recitados a uns netos que nunca oíron falar do poeta. E podería continuarse: «Neniño era entón e ledo/ a roupa millor traguía/ e corría / branco pauíño na man./ Loitaba cos compañeiros/ ou subía aos bidueiros/ que do río á beira están».

O autor dos inspirados versos dedicados a unha das festas vilalbesas de máis sona foi o vilalbés José María Chao Ledo, que desenvolveu a súa actividade poética na segunda metade do século XIX, naqueles tempos que viron a luz os cantares de Rosalía, Curros, Pondal, Lamas Carvajal... Pero as súas «Poesías en gallego y castellano» tardaron máis de corenta anos despois da morte do poeta en ser publicadas en forma de libro, e malia conservarse algunha delas na memoria da xente hoxe xa case ninguén recorda o autor vilalbés.

Os seus versos non só tratan temas costumistas. Tamén os hai de crítica a taberneiras ou a aqueles cubanos retornados sen baúles, fachendosos, portadores de curiosa linguaxe e buscadores de herdeira de posibles para facer as Américas na súa terra: «Icha vino, tabernera,/ icha vino desa cuba/ quel dinero de la Bana/ mucho viene y poco dura./ Villalba, tus taberneras / son mujeres que lo entienden,/ dan tripas por gallo muerto/ y por viño xurro vienden».