Vanesa Siso, concelleira de Igualdade: «En Vilalba tamén houbo mulleres transgresoras»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

VILALBA

Vanesa Siso, concelleira de Igualdade
Vanesa Siso, concelleira de Igualdade

A Praza da Constitución acolle ata finais de mes a mostra «Mulleres senlleiras»

24 mar 2021 . Actualizado a las 13:10 h.

Vilalba fai un recoñecemento a mulleres senlleiras ao longo da historia, cunha mostra na rúa, Mulleres senlleiras na historia de Vilalba, que se poderá visitar todo este mes na Praza da Constitución. Está organizada polo Concello de Vilalba, coa colaboración do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha). Vanesa Siso, concelleira de Igualdade, estivo no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.

-Este é un recoñecemento público ao papel da muller, tanto ás anónimas, que como colectivo desenvolveron tarefas fundamentais na sociedade, como ás máis destacadas do noso imaxinario.

-Que se pode ver nesta mostra?

-Son 12 paneis nos que se recolle, por exemplo, a vida da primeira comadroa que tivo Vilalba e a Terra Chá no século pasado, que é Concha da Reina. Tamén podemos ver información sobre a escritora Carmiña Prieto Rouco, que sabemos que ten unha rúa, pero queriamos ir un pouco máis alá para que a xente coñeza a súa traxectoria vital e as publicacións máis importantes que fixo. Tamén podemos ver a Engracia Vérez, que foi unha mestra e poeta de Vilalba. E despois, un conxunto de fotografías e información sobre as diferentes tarefas que realizaron as mulleres, como as criadoras de capóns, as lavandeiras, as polbeiras, fiandeiras das tascas do liño, as queixeiras, costureiras, labregas...

-Como está reaccionando a xente?

-Espertou moita curiosidade e parécelles un recoñecemento moi bonito. É moi importante que as nenas e as mozas saiban que en Vilalba tamén houbo transgresoras, que non cumpriron o rol que estaba establecido para elas, nun momento en que era máis complicado; e outras que si cumpriron o rol, pero que fixeron un exercicio de poñerse ás súas costas os coidados das familias, das comunidades... e iso é digno de recoñecer, sobre todo na época da emigración, cando as mulleres tiveron que quedar ao cargo dos coidados do interior das casas e tamén de fóra. Ademais, é unha exposición aberta, e seguro que quedan moitas mulleres por descubrir. Por outra banda, tamén nos diriximos aos centros educativos, para que poidan traballar nas aulas con estas referencias históricas.

-Son importantes estas accións para fomentar a igualdade, non si?

-No ámbito cultural sempre intento meter a perspectiva de xénero en todas as actividades que se realizan para que vaiamos repensando cal é o papel que temos mulleres e os homes, porque non pode haber límites. Intentamos contribuír a crear unha sociedade na que as nenas non se vexan limitadas por ningún rol de xénero imposto.