Cando Vilalba alcanzaba o apoio de toda a provincia para conseguir unha liña de tren

A vila tiña axuda dos deputados a Cortes para a vía de Lugo a Ribadeo por Mondoñedo

Asistentes a unha comida celebrada na casa reitoral de Sancovade nos anos vinte do século pasado
Asistentes a unha comida celebrada na casa reitoral de Sancovade nos anos vinte do século pasado

Entre 1899 e 1922 sucedéronse vinte e dous gobernos en España. A inestabilidade política viña provocada pola dispersión de grupos ideolóxicos e polas intransixencias que impedían acordos. Polo tanto era necesario celebrar eleccións de cada pouco. Os deputados do Congreso debían facerse ver e consideraban prometer melloras nas visitas que facían ás amizades que asegurarían votos. E iso ocasionaba falta de decisións que atallasen os delicados problemas daquel tempo.  Había ansia de poder, pero escaseaba vocación de Estado. Neste contexto hai que situar a fotografía que testemuña á visita de Leonardo Rodríguez Díaz a Vilalba nos primeiros días de setembro de 1920. Nela identificamos e poñemos cara a homes protagonistas da intrahistoria de Vilalba.

Recoñecemos tres Basanta Silva: Ramón, Eugenio e Víctor. O primeiro era avogado e oficial de Facenda, o segundo era médico e máis tarde forense de Vilalba moitos anos e o terceiro era daquela deputado provincial e en 1922 foi nomeado para a secretaría do Concello, cargo do que foi suspendido en marzo de 1924.

A carón deles sitúase Manuel García Olano, propietario, curmán e home de confianza do alcalde Andrés Basanta Olano, pai dos anteriores, que nesas datas estaría enfermo. Víctor Andrade Arias era o médico forense e colaborador directo do alcalde. Manuel Pena Vidal, principal artífice da construción da escola de Tardade e Distriz, daquela tenente coronel, días despois recibiría unha cálida homenaxe das forzas vivas locais cun xantar na Vizcaína na que participaron cincuenta e tres veciños.  Magín Goás Pardo-Montenegro era depositario dos fondos do Concello, irmán do notario Eulogio, do farmacéutico Daniel, do párroco de Goiriz (Heliodoro) e doutros seis irmáns e irmás.

Antonio Barcón acompañaba o deputado e ao seu secretario Justo Meirás Otero. Cecilio Benítez era rexistrador da propiedade. Justo Arines ao igual que o padre Nevreda, teñen para nós, hoxe, oficio descoñecido.  Vicente García Hermida, irmán do xornalista, poeta e director de El Heraldo de Villalba, era coadxutor de Viveiro. Discretamente situado, Ramón Jiménez de Parga, anfitrión do xantar, era o párroco titular de Vilalba e Sancovade. No centro, presidindo tan magna reunión, recoñecemos a Leonardo Rodríguez Díaz, deputado a Cortes polo distrito de Lugo en 1914 e polo de Chantada durante as catro lexislaturas que houbo entre 1916 e 1920.

No tempo da súa actividade política foi director xeral de Comercio en 1916 e máis tarde ministro de Abastecementos co conde de Romanones como presidente dun Consello de oito carteiras nun goberno liberal que só durou do 21 de febreiro ao 15 de abril de 1919. Como ministro asinou o decreto polo que se limitaba a xornada laboral dos obreiros a oito horas e outro polo que se creaba o «retiro obreiro», antecedente do sistema de pensións.

Leonardo Rodríguez procedía do campo do xornalismo. Nos seus tempos novos fora redactor do periódico coruñés El Noroeste, dirixiu El Fígaro e foi autor dunhas crónicas da Primeira Guerra Mundial publicadas en El Mundo. Ademais sabemos que xunto cuns amigos, en setembro de 1919, asinou a escritura de propiedade de El Noroeste, encargándose el mesmo xunto co publicista e diplomático José García Acuña da orientación ideolóxica.

Politicamente iniciárase co ferrolán Canalejas no Partido Liberal e tras do asasinato deste en 1912 pasou a colaborar co conservador González Besada. E debemos engadir a sospeita de que estaría presente o autor da fotografía, que sería outro Basanta Silva, Francisco, farmacéutico coma o pai. Reunión de tal índole daría lugar a conversas e acordos que se gardaron na reitoral de Sancovade.

Pero os acontecementos do momento ofrecen pistas do que se puido falar. Tras da I Guerra Mundial a comarca padecía carestía de alimentos por mor de que os acaparadores compraban nas feiras para logo exportalos, e iso producía alza nos prezos. Dous artigos eran os máis demandados, os ovos e a carne. Os carniceiros vilalbeses pechaban porque desde Abastecementos non se lles autorizaba a suba que pretendían, porque se exportaban vacas e becerros por tren para os mercados das capitais e porque se estaba importando carne dende Arxentina.

A falta de centeo e trigo suplíase con millo traído de fóra. Outro asunto que ocupaba aos vilalbeses era o tan ansiado ferrocarril, aspiración da que se levaba falando trinta anos e da que se falaría outros trinta máis. Daquela o proxecto era un tren eléctrico que unise Lugo con Ribadeo, con ramal a Viveiro dende Vilalba, e que pasase por Mondoñedo e Lourenzá.

 Outro proxecto

Por tras andaba un roxe-roxe de levalo por Meira e a Pontenova e mesmo había quen quería pasalo pola Ponte de Outeiro (Castro de Rei) e A Feira do Monte (Cospeito). Que se construíse por Vilalba con ramal a Viveiro gozaba do apoio dos daquela deputados lugueses: Leonardo Rodríguez, que o era por Chantada; Rodríguez de Viguri, por Vilalba; González Besada, por Lugo; Ramón Bustelo, por Ribadeo e Soto Reguera, por Viveiro. Antonio García Hermida e Andrés Pernas Pérez encabezaban a vilalbesa Comisión pro-ferrocarril e foron os destinatarios de cartas dos deputados nas que se informaban dos trámites realizados nos centros de decisións do Goberno e nas que se manifestaba o apoio a que o tren atendese os intereses vilalbeses e mindonienses.

E despois do xantar a vida continuou. Falábase de que as festas de San Ramón foran moi lucidas e moi aplaudida a banda do rexemento Zamora. O virus da gripe que na primavera de 1919 ocasionara moitas mortes quedaba atrás porque xa mutara para case inofensivo e tardaría uns anos en regresar. Por iniciativa do xornal El Gato, logo continuada por El Progreso Villalbés, preparábase unha homenaxe ao médico Domingo Goás Canto a quen lle fora concedida a Cruz de Beneficencia polos seus desvelos no andazo da gripe. Sería agasallado coas insignias da condecoración (5.000 pesetas) e un xantar no Teatro Villálbés. Por mediación de Rodríguez de Viguri, subsecretario de Fomento en 1921, o Concello dispuxo de 15.000 pesetas para a mellora das beirarrúas das travesías locais e antes de acabar coas obras xa se desviaran fondos para amañar a praza do Castelo.

 Estradas

Coa mesma orixe houbo cartos para acordar o trazado do camiño de Vilalba á Balsa por Lanzós e San Simón da Costa, que intereses particulares atrancaran. Meses despois, con acordo das forzas vivas, o mesmo Rodríguez de Viguri, ministro de Fomento durante tres días, asinou 300.681,55 pesetas para que se construíse o camiño que había traer xentes e mercadorías do norte de Vilalba ás feiras. En 1923 recibiu unha homenaxe no Teatro Vilalbés cun xantar multitudinario.

Mentres, o terceiro tramo da estrada que uniría Vilaba con Meira estaba parado na Ponte de Outeiro. O 2 de febreiro de 1921 morrería Andrés Basanta Olano, deputado provincial e alcalde dende o 1 de xullo de 1891. O seu foi un enterro cheo de xente na vila e de pésames recibidos. Substituíuno no goberno municipal o concelleiro José María Orosa. Magín Goás Pardo morrería en 1926. Víctor Andrade e tamén Eugenio e Francisco Basanta Silva tamén serían enterrados nun nefasto 1927, e o seu irmán Ramón en 1930...

Sic transit gloria mundi.

O campo da feira cambiara de sitio e os habaneiros construían casas

Hai cen anos, en Vilalba comezaba unha expansión que levaba á vila a medrar cara ao leste. O campo da feira xa se instalara no espazo que hoxe é a praza da Constitución, na zona da Chouzana. Antes tiña como escenario o campo do Castelo, hoxe praza de Suso Gayoso. Tamén se abrira a rúa que daba acceso ao cemiterio, nos Castros. Pero non eran esas as únicas novidades da vila, onde xa se comezaba a notar a presenza de habaneiros que volveran de América. A actual rúa Pravia era a vía na que se construían casas que reflectían esa nova riqueza e que amosaban que a capital chairega comezaba a dar as costas á zona vella. A Vilalba que sería intersección de estradas ía xurdindo pouco a pouco.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Cando Vilalba alcanzaba o apoio de toda a provincia para conseguir unha liña de tren