O certame literario de Vilalba acada este ano as 47 edicións

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Entrega de premios na edición de 2016, celebrada na Casa da Cultura
Entrega de premios na edición de 2016, celebrada na Casa da Cultura PALACIOS

O Concello convoca o premio, que ten unha dotación de 7.000 euros

17 feb 2021 . Actualizado a las 13:56 h.

O certame literario de Vilalba chega este ano ás 47 edicións. O Concello vilalbés vén de convocar, un ano máis, o premio, que ten unha dotación económica de 7.000 euros. A convocatoria está aberta a poemas en galego, que deberán ter unha extensión mínima de 500 versos. O prazo de admisión de orixinais rematará o 4 de xuño.

O Concello asume a publicación da obra gañadora, pero tamén terá os dereitos de edición, sen ningunha obriga económica adicional co premiado. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura de Vilalba. A convocatoria do premio vén sendo unha das iniciativas culturais máis importantes do Concello ao longo do ano. Durante moito tempo o acto de entrega tivo lugar o 30 de agosto, véspera do San Ramón. Así ocorreu aínda no 2019, ano no que o gañador foi un autor da capital chairega, Miguel Barrera.

Porén, no 2020 a pandemia xa impediu que a entrega se celebrase na data habitual. O acto tivo lugar no outono no Auditorio Municipal, e o gañador do ano pasado foi Xerardo Quintiá con «Obra inacabada de Dosinda Christensen». Para este ano, segundo se recolle nas bases, tamén está prevista a entrega, pero dependendo das circunstancias sanitarias.