Cando dous capóns valían en Vilalba 24 pesetas

xosé a. pombo

VILALBA

Nevada en Vilalba en 1921, coa torre do castelo á dereita
Nevada en Vilalba en 1921, coa torre do castelo á dereita ARQUIVO DE J. REBOREDO

As feiras eran un dos piares da economía local no comezo do século pasado

11 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nevou neste comezo de ano en Vilalba, e tamén nevara algo a primeiros de 1921. A vida diaria de Vilalba continuaba daquela o seu devir. A economía local baseábase nas feiras que comercializaban os produtos do campo. Os capóns pagáranse a unha media de 24 pesetas o par, a fanega de centeo ía a 28 pesetas e vendíase a libra de anguías secas a 2 pesetas.

O ano anterior establecéranse tres locais de vendas de carnes promovidos por José María Orosa, Constante Otero e Francisco Apenela, pero discrepábase nos prezos marcados e pretendíase crear unha cooperativa para este comercio. O novembro pasado morrera Andrés Paz López, alcalde de Xermade dende 1879.

A nova tarifa do alumeado supoñía unha suba no prezo da luzNon se perdera a esperanza de que o ferrocarril conectase Lugo ou Baamonde con Ribadeo mediante unha vía que pasase por Vilalba e Mondoñedo. Vicente Quintela estaba construíndo un serradoiro na parte alta do campo da feira.

 Pavillón de cine

As obras do pavillón de cine que promovía Mariano Sánchez ían por bo camiño e cen anos despois xa pasou ao esquecemento. Aparece un novo xornal na vila, La Voz Villalbesa, que dirixía Andrés Pernas Pérez e que dispoñía de imprenta propia. O 17 de xaneiro dese 1921 morría Andrés Basanta Olano, farmacéutico, alcalde e deputado provincial. Durante o seu mandato potenciáranse a mellora das pontes e dos firmes das vías de comunicación para favorecer os portes e o comercio, base da economía local. O seu fillo menor, Santiago Basanta Silva, aprobou as oposicións a avogado do Estado con 22 anos.

En febreiro sacábase a poxa o terceiro tramo da estrada de Vilalba a Meira. En Santaballa os amigos do alleo roubaron billetes e moedas de ouro e prata na casa de Pedro Hermida. No mes de maio a sociedade habaneira Progreso de Lanzós colocou na escola o reloxo que antes estivera na vella igrexa de Vilalba e que se substituíra polo que hoxe loce, parado, a torre sur, o mesmo que foi comprado polo Concello vilalbés e instalado polo músico e reloxeiroda vila Santiago Mato Vizoso.

 Sindicatos católicos

Eran tempos delicados no comercio por mor da inflación causada pola Guerra Europea, acabada dous anos antes. Os produtos do campo sufrían subas constantes e desaparecían camiño da exportación. Para mellorar as producións agrarias puxéronse en marcha os chamados sindicatos agrarios católicos promovidos principalmente por párrocos que no rural eran os que sabían de letras.

Os restos daquela fidalguía decimonónica e os novos ricos comerciantes que ían aparaecendo, por veces meros intermediarios, andaban ocupados en conservar privilexios caducos e en imitar modas e costumes das cidades, tendo A Coruña como referente de señorío, idea que aínda perdura hoxe.