«Vilalba é un sitio pequeno: saír á rúa é como saír ao corredor da túa casa»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Estrella Naseiro xa escribiu dúas obras este ano
Estrella Naseiro xa escribiu dúas obras este ano CEDIDA

Estrella Naseiro crea personaxes que amosan as recomendacións na loita contra a covid-19

29 oct 2020 . Actualizado a las 21:36 h.

«A cabeciña dáme para moito». Palabra de Estrella Naseiro, que é de Vilalba. Non é raro, máis ben todo o contrario, vela participar en actividades da capital chairega ou atopala pola rúa. Neste ano no que se fan menos cousas e se ten andado menos fóra da casa, ela decidiu escribir. En maio publicou Mellor na casa, unha obra coa que tentaba explicar, sobre todo aos nenos, por que conviña pasar días e días sen saír á rúa.

Agora chega Mellor con sentidiño, no que explica por que cómpre levar máscara, lavar as mans máis dos que se facía antes ou gardar distancia coa xente á que antes se lle daba un bico ou unha aperta. Superxabón, Don Cociño, Don Alicate e don Martelo, a doutora, Dona Cefeteira, os irmáns Pementiños ou Don Repolo, que foi un dos levadores da facha olímpica en Barcelona 92 e que pasa por diante do estadio da Magdalena, son personaxes da obra. «As nosas vidas non son coma hai un ano, pero imos abrindo camiños», explica.

-Canto lle cambiou a vida?

-Esa é a gran reflexión. Coas fotos que inclúo, este é un libro para ver a vida. Nas cousas que fago poño moito interese, nótase que me entusiasmo.

-É duro para a xente activa, e vostede é activa, un ano coma este, con tantas restricións?

-Parece que non hai a a alegría de antes, que hai un pouso de tristeza: iso é o que noto. Fales do que fales, sempre acabas falando do mesmo: ‘Como estás? Como vai iso?’. A verdade é que vivimos un momento realmente histórico. Miña nai contábame que unha tía súa lle falaba da gripe de 1918 e lle dicía que polas mañás, cando a xente falaba cos veciños, preguntaba cantos morreran a véspera. Hoxe hai outra perspectiva; antes non había a mobilidade de hoxe: podemos almorzar en Vilalba e xantar en Venecia! Está ben explicada a situación coa personaxe de Superxabón: hai que lavar as mans e ter sentidiño.

-Este ano tense falado da importancia de vivir en sitios pequenos. Nota esa vantaxe nunha escala persoal?

-Nestas circunstancias, cando vas pola rúa e atopas xente que coñeces de sempre, dáche un brinco o corazón. Nótase ese valor porque coñeces aos veciños. Vilalba é un sitio pequeno, onde saír á rúa é como saír ao corredor da túa casa; é como unha gran familia ou un grupo de coñecidos.

-Vive iso coma se fose unha riqueza?

-Nestes tempos ves pola rúa xente que coñeces; e aínda que non teñas relación, iso xa te tranquiliza un pouco, porque sabes que estás ben, que traballan...

-Canto de Vilalba hai neste libro?

-É un libro que se pode ler en calquera sitio. Si quixen que o libro servise para amosar cousas da vida de antes, e por iso saen as costureiras ou os labregos.

-O libro semella unha invitación a un pouco de optimismo, de ledicia...

-Para tristezas, xa abonda coas que saen na televisión. Hai que ver sempre o lado o lado bo das cousas.

-Custa seguir recomendacións coma as do libro?

-Ao 99 % da xente, non. Pero os que non as seguen son os que fan máis ruído. Se hai cen persoas e dúas berran, a quen oes? Ás dúas que berran.

«Depende do que me dea a cabeza», di sobre máis obras

A filosofía que Estrella Naseiro lle bota á vida semella vencellada coa maneira de ver as cousas que tiña súa nai. «Dicía miña nai que o 90 % dos problemas creámolos nós», afirma. Por iso cre que paga a pena ver as cousas, mesmo as que semellan desagradables, cunha certa perspectiva para relativizalas. O que xa non semella tan claro é que a curto prazo vaia escribir máis, aínda que esa dúbida non lle elimina o humor: «Depende do que me dea a cabeza», di.

Orixe.

Estrella Naseiro é de Vilalba. Ten participado en asociacións e actividades variadas, dende a Escola de Teatro ata mercados solidarios de Nadal.

Actividade.

Ten escrito libros (un deles, Mellor na casa, explicaba as razóns da imposibilidade de saír á rúa a pasada primavera) e dirixido algunha curtametraxe. Internet e as redes sociais son as súas canles.