«O campo ten futuro, pero hai que abrirlle camiño á xente nova»

José Hermida, de Xermade,  foi pioneiro ao cambiar a gandaría a ecolóxica hai máis de vinte anos

José Hermida cre firmemente que se pode vivir do campo
José Hermida cre firmemente que se pode vivir do campo

VILALBA / LA VOZ

José Hermida (Vilalba, 1934) lembra que na súa nenez lle gustaba ir ás casas de amigos e de compañeiros de escola nas que había animais. Andando o tempo, chegou a ter animais na súa: en terreos situados en Roupar (Xermade) practicou a gandaría ademais de plantar algunhas árbores froiteiras. «O prezo case parecía un agasallo» di, sobre os predios que comprou. Ao principio, máis ben pensaba orientar o terreo á actividade forestal, aínda que acabou comprando doce becerras para producir carne.

Hai máis de vinte anos, en 1999, orientou a explotación gandeira, que xa tiña máis animais ca no comezo, á produción ecolóxica. Hai pouco, vendeu os animais «para non deixar problemas á xente que queda». O terreo onde se plantaron froiteiras está arrendado.

—Non era moi normal, hai máis de vinte anos, que alguén escollese a produción ecolóxica.

—A xente ríase, non lle parecía normal. Fun a algunhas charlas, pero non había ánimo.

—Por que se vía a produción ecolóxica como algo raro?

—Que sei eu... É algo distinto. Daquela era unha cousa nova. De feito, algúns veciños entraron canda min e ao pouco tempo botáronse fóra.

—Xa pensaba vostede daquela que a produción ecolóxica era unha alternativa válida para o campo?

—Pensábao e pénsoo. Creo que hai que ir á calidade e non á cantidade e vender a produción o máis cerca posible. Esa idea xa se ve hoxe na xente. Competir coas grandes explotacións é complicado. No gando vacún de leite estanse facendo cousas interesantes; no outro, xa non o vexo tanto.

—Deulle máis traballo?

—Non. Este sistema non dá máis traballo, e é unha idea na que convén insistir. É certo que ás veces estás un pouco fastidiado: cando mandaba os animais aos matadoiros, pagábanme o mesmo ca aos outros, os de produción convencional; cando vendía a un particular, si cobraba un pouco máis, e os clientes estaban contentos.

—Cre que coa súa actividade abriu camiño a outros?

—Algo fixen [ri]. Nesta zona fixéronse máis proxectos, pero a administración axuda pouco.

—Por que non hai máis terreo en produción?

—É unha pena que non se aproveite o terreo; hai que ordenalo. A xente di que hai que xuntar as leiras. Eu digo que as leiras xa están xuntas e que os que temos que xuntarnos somos nós. Temos superficie, temos leiras, pero non arrancamos. Na agricultura hai moitas posibilidades, pero falla a política. Hai que animar á xente, hai que axudar...

—Cambiou nestes anos a mentalidade da xente sobre a produción ecolóxica?

—Por aquí, aínda non. Hai que insistirlle á xente.

—Pódese vivir do ecolóxico?

—Claro que se pode. En superficies pequenas, coma as de aquí, non vexo outro futuro.

—Hai que animar aos novos a escolleren ese camiño?

—Si. O campo ten futuro, pero hai que abrirlle camiño á xente nova. Non é doado. Eu teño catro fillas, e ningunha se interesa por isto.

—Pódese vivir do campo?

—Como non se vai poder? Con axudas, con apoios, con políticas que favorezan e que animen, pódese.

Un territorio verde e pouco produtivo, dixo un amigo

Hermida traballou en empresas e organismos vencellados co sector primario. Viviu anos en Almería, onde foi testemuña e protagonista da construción dos primeiros invernadoiros, un sistema cambiou a paisaxe e a economía. Tamén lembra que algún amigo andaluz veu a Galicia e que logo, ao falar da viaxe, lle comentara que vira unha terra moi verde pero con moito terreo sen producir. «Que xiña se deu conta», pensou José Hermida tras escoitalo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O campo ten futuro, pero hai que abrirlle camiño á xente nova»