Vilalba ofrece teatro en liña o domingo

Laura López LA VOZ / LUGO

VILALBA

MARTINA MISER

Haberá un espectáculo de música e contos para as familias

14 may 2020 . Actualizado a las 11:51 h.

Domingo 17 • 19.30 horas • Canle de YouTube do Concello de Vilalba • 

O Concello de Vilalba ofrece este domingo un espectáculo en directo de música e contos para público familiar a través da súa canle de YouTube. Está realizado por Culturactiva, tralo éxito do primeiro espectáculo que realizou por streaming en Galicia, co Mago Teto: «Cumprindo coas medidas de seguridade, acompañad@s de cinco cámaras e con realización en directo, ofreceremos o espectáculo Puño, puñete, de Baobab Teatro, dende as salas baleiras para un público que fica na casa», explican desde Culturactiva. «Trátase dunha programación especial e innovadora pensada para que toda a familia poida gozar do teatro a través das pantallas case como se asistise en directo, mantendo así vivas a cultura e a lingua nestes tempos de confinamento», continúan.

Puño, puñete é un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral. O punto de partida é un diálogo rimado: «Puño, Puñete, que tes por dentro? / Pan e fermento! / Puño, Puñete, que tes por fóra? / Pan e cebola!». Así, Baobab Teatro convida aos cativos e familias a descubrir un mundo de sensacións e emocións.