O tranvía foi un desexo en Vilalba

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

Escaneada de Papel

A liña, que se tentou construír a comezos do século XX, iría de Lugo a Ribadeo pola Terra Chá e por Mondoñedo

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais de 1910 os trens que unían A Coruña e Lugo con Madrid dispuxeron de máquinas máis potentes, máis rápidas, e provocaron axustes nos horarios dos convois. Un tren correo saía da Coruña ás 9 da mañá, pasaba por Baamonde ás 11,30 e chegada a Madrid 8,45 do día seguinte. A saída de Madrid producíase ás 17,20 horas, cruzábase co ascendente en Lugo ás 12,30 do día seguinte e chegaba á Coruña ás 15,35 horas. Horario que resulta revelador.

Como os convois circulaban en combinación cos que ían e volvían de Asturias con transbordos en León, o traxecto da Coruña a Madrid levaba vinte e tres horas e corenta e cinco minutos, mentres que o de Madrid á Coruña hora e media menos. Ir da Coruña a Baamonde eran dúas horas e media. Chegar a Lugo tres horas e cinco minutos. De Baamonde a Lugo abondaban trinta e cinco minutos.

Os horarios da liña Madrid-A Coruña implicaron modificar os de La Ferrocarrilana, ocasionando confusións. Nos meses seguintes a prensa publicaba as horas de saídas dos automóbiles das estacións e de chegadas a destinos. Por eles sabemos, por exemplo, que en 1911 facer os 16,5 quilómetros que separan Baamonde de Vilalba levaba media hora, a unha media de 33 quilómetros por hora. Para ir de Vilalba a Viveiro, con estradas por orografía máis abrupta, precisábanse dúas horas e trinta minutos a unha media de 22,6 por hora. Baixar do tren en Lugo ou Baamonde e dirixirse despois Viveiro ou a Ribadeo pasaba por facer parada en Vilalba.

Había tres tipos de trens. O chamado Correo dispoñía de asentos de primeira, de segunda e de terceira e que era o máis lento porque paraba en todas as estacións. O Rápido, que circulaba tres días á semana con só asentos de primeira clase, era o que menos tempo investía nos traxectos. O Mixto levaba vagóns de pasaxeiros e de carga.

Eran tempos revoltos. Os adiantos nos transportes non se correspondían con avances noutros ámbitos sociais. Os xornais de Vilalba e Lugo, tamén as xentes da comarca, comentaban o crime de Fontefría. Foi un suceso tráxico do que se falou moito e en voz baixa. Era o día 21 de maio de 1911. Ángel Castro Cabarcos, de 28 anos, acudiu á Feira do Monte para axudar ao maragato Morán a vender viño e comprar ovos, oficio ao que se dedicaba, e tamén para xuntar xente para a sega a Castela. De regreso parou na taberna de Fontefría, e ao pouco entrou nela Bautista Roca Felpeto, veciño de Vilargabín-Insua, e algo despois os cuñados Emilio Sánchez Vilegas e Antonio Codesal Lousado, ambos de Pígara (Guitiriz).

Estes últimos foron os primeiros en marchar ao anoitecido. A iso das nove e media da noite saíron Ángel e Bautista e xuntos fixeron o primeiro tramo do camiño que vai á gándara de Barrazoso, Legua Dereita. O caso foi que ao día seguinte o cadáver de Ángel Castro apareceu esfolado e con cinco tiros de revólver que lle entraron polas costas. Pasados uns días, a Garda Civil detivo a Bautista, Emilio e Antonio en Madrid, onde marcharan á sega. Os dous últimos axiña foron postos en liberdade.

Celebrado o correspondente xuízo na audiencia de Lugo, sóubose que o carácter de Bautista era difícil e tensas as relacións que tiña con Ángel por mor de facer as cuadrillas da sega. O xurado declarou culpable a Bautista Roca, que foi condenado a dezasete anos de prisión. Pero o que a prensa daquel tempo silenciou e do que xente falaba con medo foi que se enviara a pel do defunto a Madrid para curar unha muller rica que, despois de consultarse cun curandeiro, pagara por ela. Tamén andaba en boca da xente a familia de avogados de Vilalba que, disque, protexían a quen finalmente foi sentenciado. As ruínas da casa da familia do defunto, rodeada do malfado das desgrazas, perdida na soidade da gándara, sen lousado, aínda conserva as paredes cubertas de hedras.

Igual ca hoxe, a especulación inmobiliaria chegara a Vilalba. Valeriano Valdesuso, tratante en pedra, pretendía demoler a torre do castelo despois de que se encargara de desfacer gran parte da muralla que a circundaba e de que no espazo dos restos medievais erguera casas de cativas medidas e calidades. Por unha vez as forzas vivas do Concello e a sociedade vilalbesa en xeral uníronse e provocaron tal escándalo na prensa local, provincial e mesmo da emigración que non se levou a cabo a destrución do patrimonio histórico da vila.

Eran tempos nos que tamén se vía a necesidade de mellorar as comunicacións con automóbiles. En 1912 sacouse a poxa de abrir os tramos primeiro e segundo da estrada de Vilalba á Ponte de Outeiro (Castro de Rei). A economía do comarca sufría deterioro por mor da febre aftosa que afectaba ao gando e polo temporal que aquel ano arruinara a colleita de trigo e de centeo e poñía en perigo a da pataca e a do millo. O asunto do tranvía eléctrico por Mondoñedo e Vilalba parecía retomarse, esta vez con outra compañía belga.

Creábase a oficina de correos de Roupar (Xermade). Anunciábase que se poderían instalar coches comedores nos trens correos a Galicia. Dábase a noticia de que uns malfeitores mataran a José Acevedo, o párroco de San Xoán de Covas. Na gándara do Barrazoso, non lonxe do lugar onde asasinaran a Ángel Cabarcos, dous automobilistas portugueses bateron contra dunha árbore e, feridos, foron trasladados e atendidos en Vilalba.

Para o transporte de mercadorías por estrada, a empresa Nistal, de Rábade, adquiriu tres camións a vapor a unha empresa mineira de Alacante. Ademais da caixa contaban cunha vagoneta como remolque e destinábanse a portes de mercadorías dende Rábade a Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo e lugares intermedios.

O duque de Tetuán e o enxeñeiro belga Louis Thuller continuaban estudando a instalación do tren eléctrico de Lugo a Ribadeo por Vilalba e Mondoñedo. Calculábase que se precisarían catro millóns de pesetas, pero esta cantidade, dicíase con optimismo, sería desquitada con facilidade e suporía quitar a comarca do seu atraso secular. Con eses cartos naquel ano de 1912 compraríanse 230.000 fanegas de trigo ou 320.000 pares de capóns. A actividade empresarial non paraba. A Hidroeléctrica del Masma e Hidroeléctrica del Eo fusionábanse e desprazaban a Hidroeléctrica del Tronceda en Ribadeo por faceren ofertas máis vantaxosas.

Á vista das xestións das forzas vivas de Mondoñedo e Vilalba, e do clamor da prensa local, a Deputación Provincial ía abordar o asunto do tranvía eléctrico. O xornal El Ribadense informaba que se pretendía constituír un sindicato coa participación de entidades belgas e Hidroeléctrica del Tronceda para que o tren eléctrico dese servizo de Lugo a Ribadeo por Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros. Detrás do asunto continuaba o duque de Tetuán e tamén o deputado José Soto Reguera.

En novembro de 1914 as perspectivas de construír o tranvía deron un xiro. Unha empresa hispano-belga abriu oficinas en Lugo, comentábase que xa se fixera a escritura de cesión de electricidade e que as obras podían iniciarse a finais de ano. Pero cambiando algo todo continuou igual. En 1915 Hidroeléctrica del Tronceda creou unha nova sociedade para explotar outro salto de auga.

No mes de agosto, detectados excesos nos consumos contratados por particulares e trampas nas acometidas, a sociedade eléctrica quixo instalar limitadores nas casas de Vilalba. E iso deu lugar a un alboroto popular. Formada a correspondente comisión, da que formaban parte Agustín López e Antonio Peña, solucionouse o asunto despois de se entrevistar cos responsables do subministro. Pero que marchase a luz era frecuente, e seguro se algunha vez había temporal.

Das proxectadas obras do tranvía non se volve falar, aínda que a prensa local recordaba a necesidade da obra. La Ferrocarrilana decidiu unha ampliación de capital para substituír os antigos automóbiles deteriorados.