O tren que non deu chegado a Vilalba

A construción dunha liña Lugo-Ribadeo con trazado pola vila foi unha aspiración vilalbesa dende finais do século XIX


Dende que no San Froilán de 1875 se inaugurase a liña de ferrocarril da Coruña a Lugo, as estacións de Lugo e de Baamonde foron referentes para o transporte de viaxeiros, mercadorías e correo no norte da provincia. O establecemento do tren directo entre Venta de Baños (Palencia) e A Coruña en 1883 foi celebrado con grandes festas na cidade herculina. Visto o progreso que acompañaba a chegada do ferrocarril, ese mesmo ano o xornal El Eco Mindoniense pide que se complemente o trazado anterior con outro que comunique Lugo con Ribadeo, ben polo val do Miño, ben dende Baamonde, en ambos casos por Vilalba e Mondoñedo, ou mesmo por Meira.

Pero as obras, ao igual ca hoxe, non avanzaron coa velocidade demandada. El Hermandino, xornal tamén mindoniense, queixábase de que o tramo ferroviario de Ourense a Vigo levaba dezaseis anos iniciado, que se investiran 26 millóns de pesetas e que só se construíran 49 dos 122 quilómetros proxectados. Os vilalbeses, coma os mindonienses e ribadenses, sabían que para traer riqueza a un territorio eran imprescindible posuír comunicacións acorde cos modernos medios de transporte. E foi daquela cando se iniciou un longo proceso de demanda dun ferrocarril que levantou moitas esperanzas durante vinte anos.

Xentes e mercadorías demandaban mobilidade cómoda e rápida para favorecer o negocio. A mellora das estradas iniciada en 1860 coa inauguración do tramo Ferrol-ponte de Rabáde e en 1881 coa de Baamonde-Vilalba contribuíu a modernizar as comunicacións na comarca. Facendo uso das mesmas, en maio de 1907, a empresa La Ferrocarrilana empezou a dar o complemento necesario ao ferrocarril con dúas liñas de automóbiles. A primeira saía da estación de Lugo, a segunda de Baamonde e ambas tiñan por destino a Ribadeo e Viveiro, e lugares intermedios, con conexións en Vilalba.

En días alternos atendíanse viaxeiros e paquetes con saída e chegada ao norte da provincia. Para tal fin contaba con dous automóbiles De Dion Bouton, de oito asentos cada un, que acababan de chegar de París: toda una novidade. Dicían que en Mondoñedo tanto nenos coma grandes acudían ao campo dos Remedios para velos pasar.

En outubro de 1908 un novo adianto prometía modernidade en terras vilalbesas. A electricidade proporcionada por Hidroeléctrica del Tronceda desde Mondoñedo satisfacía parte da demanda de iluminación de casas e vías públicas, se ben é certo que o compromiso, non sempre cumprido, era subministrar luz dende unha hora antes do solpor.

Daquela deuse en falar dun proxecto que se discutiu longos anos, construír un ferrocarril eléctrico ou tranvía que unise os portos de Ribadeo e Viveiro con Lugo coa enerxía dos saltos do Tronceda. No asunto estaba interesado Juan O’Donnel e Jorís, duque de Tetuán, militar de profesión, con conexións con capitais belgas a dicir da prensa local. Daquela xa se aprobara o ferrocarril de Xixón a Ferrol, que uniría as fábricas de municións de Trubia cos arsenais da base naval.

Comunicando Ribadeo con Lugo ou Baamonde quedaría resolta a conexión do Cantábrico occidental coa liña Palencia-A Coruña e polo tanto coa Meseta. Sobre o trazado xa apareceron diferenzas de criterios ao tempo de presentar o proxecto. O plan inicial era que a vía discorrese por Lourenzá, Mondoñedo e Vilalba para logo chegar a Rábade. Fronte a esta opción apareceu quen prefería que fose por Meira e Castro tendo en conta que o tramo mineiro Ribadeo-Vilaoudriz xa estaba feito. Así as cousas, La Ferrocarrilana, que prestaba os servizos á Mariña facendo escala en Vilalba, modernizábase comprando un novo coche de doce asentos, tamén á empresa De Dion Bouton, de París.

En febreiro de 1909 El Eco de Villalba daba noticia dun accidente automobilístico en Mondoñedo. Narrábase así. No campo dos Remedios xuntáronse dous coches con viaxeiros e vultos que viñan de Lugo e Baamonde. Como ambos ían para Ribadeo, acomodáronse viaxeiros e cargas nun só para economizar custes. Cargada como ía, a carruaxe deu en cabecear ao saír. O chófer notou que os freos non obedecían e, en lugar de seguir pola estrada de san Lázaro, fixo virar o automóbil cara á cidade e o impulso provocou que caese sobre o seu lado esquerdo.

Os feridos foron auxiliados polos ilesos e logo foron levados á cidade para ser curados. Sabida a noticia, a veciñanza botouse á rúa e o comercio non pechou. Entre os mancados encontrábanse Ramón Jiménez Fraga, párroco de Sancovade, e Vicente García Hermida, coadxutor de Ribadeo, que se dirixían a esta vila para o enterro da tía de Andrés Pérez Balsa, outro dos feridos.

O xornal chama a atención da empresa porque no verán o servizo diario atendía as demandas, pero polo inverno, cubrindo as rutas en días alternos, provocábase exceso de carga nos coches. Tamén se reclama o reparar avarías e deterioros. En novembro deste mesmo ano outro accidente merecía titulares en El Eco de Villalba. Envorcara un ómnibus no quilómetro 13 da estrada de Baamonde a Vilalba, baixando a costa de Boizán. Dos doce viaxeiros só un resultou ferido. Parece que o chófer quixo adiantar a outro coche da mesma empresa que estaba parado para que se apease o capataz dos peóns camiñeiros.

Atendendo a unha mellora no servizo, en chegando o verán daquel 1909, La Ferrocarrilana regulariza como diario o servizo a Ribadeo e alterno a Viveiro. Ademais establece un taller de reparacións en Baamonde e para tal fin impórtanse dous tornos eoutro material dende París. O cronista manifesta que mellor sería que se fixesen as reparacións en Vilalba pola súa mellor posición estratéxica. E, mentres, chegara á vila un coche-salón onde a xente podía retratarse. Un ano máis tarde as comunicacións seguían igual. La Ferrocarrilana celebraba xunta para confirmar os servizos diarios de Lugo e Baamonde a Ribadeo e alternos a Viveiro, todos por Vilalba. As demandas de electricidade aumentaban e o subministro non era o agardado polos vilalbeses. Dicíase que a don Pedro da Luz, o responsable da eléctrica do Tronceda en Vilalba, ben mellor podían chamarlle don Pedro das Tebras.

Malia as deficiencias, estábanse a construír uns muíños eléctricos no alto do campo da feira nun edificio que se construiría en liña coas escolas. En outubro de 1910 adxudícase a poxa, por importe de 6.998 pesetas e por catro anos, a condución do correo dende a estación do ferrocarril de Baamonde a Ribadeo servindo Baamonde, Vilalba, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Vilamar, Barreiros, Reinante e A Devesa.

Como medio de locomoción podería empregarse ou carruaxe de catro rodas de tracción animal ou automóbil. O tempo máximo do percorrido non excedería as trece horas e sete minutos. Pouco despois tamén se saca a poxa o porte do correo de Rábade a Abadín, facendo o camiño pola nova estrada de Rábade a Moncelos e dando servizo a Abadín e a Cospeito. E, mentres, o duque de Tetuán, acompañado dun enxeñeiro inglés, volvía percorrer o posible trazado do tranvía por Vilalba e Mondoñedo que se había mover coa enerxía dos saltos do Tronceda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O tren que non deu chegado a Vilalba