Cando os fidalgos de Vilalba andaban en longos preitos polas súas terras

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

XOSÉ ANTÓN POMBO

Cortiñas do Rolo e da Ferrería que ocupaban dous ferrados e medio xeraron unha longa disputa

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de trescentos anos, no ano 1696, Isabel de Castro Ribadeneira casada con Andrés Maseda Aguiar, fidalga vilalbesa con posibles, testou e deixou como legado un terzo das chamadas cortiñas do Rolo e da Ferrería para a súa neta, filla da filla, Jacinta de Castro. Eran algo máis dous ferrados e medio. Quedaban libres os outros dous terzos ata completar oito ferrados. Vinculou o legado a que se transmitise na familia con preferencia a fillas de lexítimo matrimonio, a que non se puidese vender e a que se dixesen por ela e pola súa familia dúas misas ao ano en Vilalba debendo certificalas o párroco. Pero como tiña tres fillos varóns estudantes eclesiásticos, encargou que fosen eles os que as usufrutuasen mentres non rematasen os estudos e non se establecesen como cregos, sempre que a neta non fose maior ou casase.

O asunto, trasladado a documento ante escribán, parecía ben asentado para cumprir coa vontade da testadora. Pero axiña apareceron lecturas viradas e diferenzas de criterios. O fillo maior, Juan Maseda, xa presbítero con destino, coa complicidade co pai, une as cortiñas a outras propiedades e decide que se transmitan por liñaxe masculina. Favorecía así a outro irmán casado, Diego Maseda, e aos seus descendentes. O asunto, xaora, levaba traza de acabar, como acabou, nos xulgados. Falecida sen descendencia a neta destinataria primeira das cortiñas, correspondíalle herdalas a unha súa sobriña e bisneta de Isabel de Castro chamada Josefa Pardo de Rois Costoya tamén coñecida como Josefa Baamonde. E con ela viñeron máis dificultades.

Aínda que a documentación buscada non permite coñecer polo miúdo o sucedido, todo parece indicar que Josefa Pardo de Rois tivo un fillo de solteira, o que motivaría que apareza con nomes distintos e que quedase excluída da herdanza do vínculo. Seguindo a vontade da testadora, os dereitos pasarían ao seu irmán, Juan Antº Pardo, escribán de oficio. Para maior complicación os litixios estendéronse ao conxunto das cortiñas e ás herdanzas de Andrés Maseda Aguiar que previamente foran desempeñadas polo fillo maior, o crego Juan Maseda.

Sentenzas e pactos

Como resultado apareceron uns rosarios de idas e voltas aos xulgados, de sentenzas e de intentos de pactos entre dúas pólas da liñaxe de Isabel de Castro: os Pardo por un lado e os Maseda-Montenegro polo outro. No ano 1734 dátase un auto xudicial no que se recoñecía que as cortiñas pertencían aos Maseda-Montenegro e outros bens aos Pardos. Pero unha cousa foi o que dixera a Xustiza e outra a realidade diaria. O asunto non acabaría ata 1842. Pero no intermedio entra en escena Ramón Montenegro. Vén sendo este Ramón Antº Montenegro Camba y Maseda un vilalbés díscolo que podería servir de modelo para aquel fidalgo que a finais do século XVIII pretendía impoñer a súa vontade na sociedade e na xustiza, que ve perder influencias e riquezas, que non se acomoda a novos xeitos de economía e que vivía, ou malvivía, de rendas do traballo alleo e de vender patrimonio.

Era bisneto de Isabel de Castro e fillo de Felipe Montenegro y Camba, quen fora tenente merino, con poderes administrativos e xudiciais, con residencia no lugar de Pedrouzos-A Torre e que estaba unido por matrimonio coa daquela poderosa casa de Caldaloba que tiña señorío nos coutos de Támoga, Fraiz, Loureiro, Paradela e Barreiros. Documentamos que en 1784, co preito das cortiñas pendente de resolver, Ramón

Montenegro afora a Juan Santalla as cortiñas. Dous anos despois arrenda, xunto con Andrés Silveiro, a taberna do hospital de Santa Catarina, negocio que proporcionaba algo máis de 300 reais de vellón ao ano, nun tempo no que se compraba un xato por 24 reais e un xornaleiro cobraba 2 reais por día traballado.

Procurador síndico

En 1795, e como a economía non debía andar ben, o seu irmán Antonio afora a casa familiar de Pedrouzos. Xa daquela o Montenegro vivía case ao final da chamada rúa das Hortas, na parte alta das cortiñas. Pero o que mellor ilustra o carácter caciquil de Ramón Montenegro sucedeu en 1798. Aquel ano os veciños, reunidos como era costume baixo o balcón do hospital da praza Maior, elixiron a Juan de Meire para o cargo de procurador síndico. Tiña esta figura gran importancia nos concellos porque as súas funcións eran o defender os dereitos económicos dos veciños e responsabilizarse da distribución de impostos.

Ramón Montenegro, encolerizado por non ser el o escollido, reúne homes afíns, colonos mantidos ou aforados, e provoca outra elección no barrio da Magdalena. Alí faise proclamar síndico e mesmo quixo destituír o alcalde Lorenzo Vizoso. Pero non logrou o seu propósito. Tanto o alcalde coma o procurador legalmente nomeados seguiron exercendo as súas funcións. As pretensións do Montenegro non cesaron. Conseguiu chegar a síndico, pero os seus métodos de distribución de impostos presentaban anomalías e en 1799 os veciños de Belesar protestan polas contas que lles presenta.

Querela

Consta que nese mesmo ano, por causa non ben aclarada, está arrestado. En 1805 o escribán Ramón Silva presenta querela contra del porque o insultou e porque o desafiou. En 1810, cento catorce anos despois do testamento, setenta e seis do primeiro auto xudicial, Ramón Antº Montenegro outorga poder perante escribán para que procuradores da Audiencia de Galicia, na Coruña, prosigan co preito. Polo manifestado no documento sabemos que en 1799 Juan Pardo Osorio, escribán da outra póla familiar, puxo preito retardado sobre as cortiñas. O Montenegro, como estivese na Coruña cumprindo sentenza de arresto na Audiencia e como non lle quedasen medios nin fincas das que sacar, non atendeu a demanda polo que foi condenado en rebeldía e recoñecéronse as demandas do Pardo. Na Real Audiencia foi oído por pobre.

No escrito maniféstase que, tratando de chegar a un acordo, ambos asinaran un pacto polo que o Pardo se acomodaba cos bens libres do vínculo e para o reparto das cortiñas agardaríase por ditame de catro avogados da Real Audiencia. Os catro avogados, nomeados dous a dous polas partes, razoaron de xeito diferente a favor de cada contratante e polo tanto non houbo pacto. O conflito volvía estar sen acordo nin paz.

O caso é que o Juan Pardo Osorio parecía conformarse cos bens libres das herdanzas e deixaba ao Montenegro o vínculo das cortiñas, pero co reparto o Montenegro non estaba de acordo e seguía explotando todo por si mesmo e por medio de colonos. Os trámites xudiciais parecían suspendidos en 1809, ano da morte de Juan Pardo Osorio, pero o fondo do asunto continuaba.

Descendencias e partillas

Montenegro puxo preito a Juan Copeiro, xenro de Juan Pardo a quen este cedera parte das terras consideradas propias, porque o acusaba de facer intrusión violenta e ruidosa das leiras. E o mesmo sucedía da outra parte. Luísa López, esposa de Ramón Montenegro, tamén se intrusou en terreos que os Pardos consideraban propios, o que ocasionou nova visita aos xulgados e sentenza en contra da intrusa. A muller volveu repetir o feito en 1820 coa axuda dos fillos e a dicir dos documentos parece que a Xustiza era tímida con esta familia. Nos primeiros anos do século XIX nada documentamos de Ramón Montenegro ata coñecer o seu falecemento en 1825 e ben podería sospeitarse que estaría cumprindo sentenza froito das súas ansias litixiadoras. A partir desta data os documentos mostran como se parcelan as propiedades e foron separadas entre descendencias e partillas.