Félix Villares: «Sempre procurei que os rapaces aprendesen a gañar e a perder»

Deu gran pulo ao atletismo sendo profesor no Seminario de Mondoñedo


LUGO / LA VOZ

O Seminario de Mondoñedo ten gañado un sitio na historia da literatura galega: abonda lembrarmos que polas súas aulas pasaron Noriega Varela, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé María Díaz Castro. Tamén a historia do xornalismo cultural galego destas décadas recentes lle prestará atención: a revista Amencer, que segue a editarse aínda que se interrompeu a actividade docente, ten contribuído a espallar a obra de autores pouco coñecidos, dedicado páxinas aos de máis sona e recollido frases e refráns de varias comarcas, entre outros labores.

Se cadra, para moitos resulta máis estraño que a historia do deporte escolar galego, a do satletismo de maneira sinalada, teña reservado algún lugar para o Seminario. Porén, foi, sobre todo nos anos setenta e oitenta, gañador de campionatos provinciais e galegos. Félix Villares, profesor de Educación Física e responsable do clube, viviu ese tempo. Anos despois, tamén tivo o seu particular triunfo, pois a Xunta concedeulle a Medalla ao mérito deportivo.

-Por que dedidiu apostar no Seminario polo atletismo e non por outro deporte?

-O atletismo gustábame, e gústame, porque creo que é, xunto coa natación, o deporte máis completo. A preparación para o atletismo váleche para outros deportes. Recordo que o primeiro rapaz que comezou a destacar foi un do Cadramón (O Valadouro), que xa morreu, Albino Cortiñas. Logo viñeron outros. Fixen un curso de monitor de atletismo en Lugo, aínda que en realidade o primeiro curso que fixen foi o de minibásquet; depois, o de baloncesto de adultos.

-Un rapaz daqueles anos podía soñar con ser futbolista coma Johan Cruyff ou xogador de baloncesto coma Juan Antonio Corbalán. Como se conseguía convencelos para que practicasen atletismo?

-Aqueles tempos non eran coma os de hoxe; o poder da televisión non era igual; as figuras do fútbol non eran coñecidas coma hoxe. Unha cousa que axudou foi que comezaron a adestrar e a correr e axiña chegaron os éxitos. Hai que ter en conta que case non tiñamos instalacións e adestrabamos na rúa. Para adestrar as remudas, tiña marcada unha zona na avenida de Bos Aires [rúa que pasa ao lado do Seminario].

-Desfruta un neno correndo tanto como cando practica outros deportes?

-Si; e se gaña, máis. Unha cousa que procurei sempre nos rapaces é inculcar que no deporte hai que aprender a gañar e tamén a perder. Aprender a gañar é doado; aprender a perder xa custa máis.

-En que axuda o deporte a un rapaz que o practica con frecuencia?

-Axuda a ter moito tempo libre ocupado. O deporte ten tamén o valor do compañeirismo. O atletismo non é individual; tamén hai éxitos para os equipos.

-Que achega o deporte a un grupo de rapaces que o practican xuntos?

-Crea compañeirismo, e tamén che axuda a ter contacto con xente doutros sitios e doutros equipos. Hai que ter en conta que se corría por todo Galicia.

-Córrese o risco de fabricar ídolos moi novos?

-O rapaz sabe que se quere triunfar, ten que adestrarse. Non hai quen corrixa o erro doutro: no fútbol, se falla o defensa, poden corrixir outro defensa ou o porteiro. Tamén se ve a superación individual; é algo que te invita a esforzarte, a ir superándote.

-Axudou o Seminario a popularizar o atletismo?

-Creo que si. Comezamos a organizar carreiras populares: primeiro, en Lourenzá; logo, por toda a provincia. Participaba xente de todas as idades; e no cros de Santa Catalina [que se celebraba en Mondoñedo], tamén.

«A clave dos éxitos era adestrar; e tamén, ter xente con calidades para esas probas»

-Os triunfos do Seminario eran case unha loita de David contra Goliat. Cal foi a clave daqueles éxitos?

-A clave era adestrar; e tamén, ter rapaces con calidades para esas probas.

-Queda nos rapaces unha boa lembranza deses anos?

-Creo que si. Algúns manifestáronmo.

-Que sensación lle queda a vostede desa etapa?

-Queda a satisfacción de ter participado nesa etapa, que foi boa para min e para os rapaces. Teño amigos por todo Galicia

-Axudou quizais o feito de que antes había menos distraccións?

-Daquela non había tantas distraccións; había o deporte e pouco máis.

-Alégrase un adestrador cos éxitos dos rapaces?

-Si. Alégraste porque ves que hai probas, coma o salto de altura, nas que importa moito a técnica, e van mellorando. Nalgunha proba -os 3.000 metros valados, creo-, aínda temos o récord provincial.

Un labor que desenvolveu despois doutro crego de Vilalba

Villares, que foi alumno do Seminario de Mondoñedo, lembra que nos seus anos de estudante xogaba ao fútbol cos compañeiros; recoñece que había rapaces moi bos, aínda que el non practicaba ese deporte cunha paixón absoluta. Recorda que si era bo xogador o crego que o precedeu como encargado a preparación física no Seminario: trátase de Antonio Domínguez, que é do concello vilalbés -naceu na parroquia de San Xoán de Alba- e que hoxe forma parte da unidade pastoral de Vilalba.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Félix Villares: «Sempre procurei que os rapaces aprendesen a gañar e a perder»