Os fidalgos de Vilalba que tiñan propiedades en Mondoñedo

xosé a. pombo

VILALBA

CEDIDA

José Pardo Osorio Santomé era dono de bens en Samarugo e seu pai foi alcalde maior mindoniense

22 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 200 e 300 anos, cando un fidalgo ou persoa con posibles morría, facíase o chamado inventario post-mortem. Era un documento, do que daba fe un escribán e independente do testamento, onde se anotaban os bens mobles que deixaba o defunto. Porque, igual ca hoxe, nas herdanzas repartíanse casas, leiras, cartos e tamén o mobiliario e a roupa de vestir que en comparación custaban máis do que hoxe poden valer.

Entre a documentación de Antonio Peña consérvase copia do inventario que en 1833 promoveu Ramona Teijeiro Montenegro, viúva do señor de Samarugo, José Pardo Osorio Santomé, veciños ambos de Mondoñedo, para o que contou coa axuda dun mestre carpinteiro e dunha costureira. Como a defunción sucedera na casa do cura de San Simón da Costa e o defunto tiña propiedades tanto en Santiago de Samarugo (Vilalba), coma en Santiago de Adelán (Alfoz) e en Mondoñedo, faise o inventario nos catro lugares.

Debemos recordar que este José Pardo Osorio Santomé era fillo de José Pardo Osorio Aguiar e que este, procedente de Santiago de Adelán, asentárase na capital de provincia, Mondoñedo, aló por 1770. Dada a súa nobiliaria ascendencia, o poder económico e outras calidades, o bispo da cidade nomeouno alcalde maior en 1795. A casa familiar foi construída naqueles anos e aínda hoxe loce na fachada un escudo nobiliario que informa da nobiliaria liñaxe dos propietarios e sitúase a carón da que fora casa do correxedor Luaces.

Así pois, o pazo de Samarugo xa non estaba habitado polos seus señores dende había máis de cincuenta anos. Pero as propiedades había que visitalas e o señor viaxaba para vixialas. Ao revisar o escrito de referencia, observamos a equipaxe que José Pardo

Osorio Santomé levaba canda si nos seus desprazamentos. Na casa do cura de San Simón quedaran dous pantalóns; un frac, unha levita e un peti ou casaca; catro mudas de camisas, cirolas, camisolas, chalecos brancos e panos de man; outros catro chalecos máis, dous brancos e dous de colores; un corbatín negro; un sombreiro; unha capa de pano pardo e un par de botas. Todo de uso mediano.

 Inventario

O inventario facíase por dependencias das casas e polo tanto podemos coñecer o espazo destinado á vida diaria. E porque en Samarugo só se habitaba nas visitas, o mobiliario era austero e escaso. Había huchas para almacenar cereal, unha delas de trinta fanegas, baño para salgar, pipote para o viño, mesas no comedor e no gabinete, cadeiras de palla, e camas vellas que se acompañaban de colchóns de la ou estopa. Todo en madeira de castiñeiro ou carballo. Na cociña non había excesos: unha tixola, unha escumadeira, unha culler, unha viradeira de ferro, un caldeiro de cobre, un cubilote para o sal, un pote e mesmo unha cama vella. A louza, cerámica do país, limitábase a unha ducia de pratos, dúas fontes e catro cuncas ademais de dúas botellas.

Semellante foi o inventario de Adelán. Como se cultivase viño, na casa existían dous pipotes para pisar as uvas. Ademais había un cuarto exclusivo de criadas amoblado só con cama e arca pequena. Os criados durmían, en cama, na corte das mulas. A casa contaba coa chamada sala de visitas, que contiña seis cadeiras de palla, unha mesa e unha arca pequenas.

Mondoñedo, a casa principal e por ser fidalga e de habitación permanente dos señores, estaba mellor dotada. A vivenda constaba dunha sala principal, catro gabinetes anexos a outras dependencias, dous cuartos e un comedor. Nada se nos di da cociña nin de cortes ou cortellos nin do corralón. Por mobles cítanse un sofá de caoba cuberto de tea de damasco color carmesí; dúas ducias de cadeiras de igual madeira e cubrición e máis outras trinta e cinco de palla; cinco tallos e unha mesa de xogo de teixo.

Había mesas de xogo e unha cómoda feitas en caoba, tamén mesas e roupeiro de castiñeiro e un baúl de viaxe xunto cun catre de camiño. Un canapé, outro catre, un tocador e un augamanil estaban feitos de cerdeira. Complemento das camas eran os colchóns de la e estopa; dúas sobrecamas de damasco, outra de cotonia, catro de zaraza e outra de lenzo; vinte e nove almofadas e once sabas de muselina e percal. Colgaban das paredes catro

cadros: un de elevado valor representando a Virxe de México sobre lámina de cobre e marco de prata, dous de san Xosé e un do divino Rostro, estes con marcos de nogueira.

 Panos de fábrica

Para a mesa de comer cítanse, como de luxo, un mantel e trece panos de fábrica aos que se engadían a outros sete manteis de fío e lenzo e vinte e seis panos, todos usados. Finaliza o inventario coas prendas de vestir do defunto que non levara de viaxe. Eran vinte e sete camisas, outras tantas cirolas, vinte camisolas de tea, sete pantalóns, sete chalecos, dúas levitas, un frac e unha capa de bo pano. A maiores o documento tamén cita as 25 fanegas que se gardaban en cadansúa hucha das casas de Samarugo e de Adelán e que debían proceder das rendas cobradas por foros e alugueiro de lugares.

Trasladadas a numerario todas as pertenzas calcularon os peritos que o inventario tiña un valor de 2404 reais. Tomando como referencia o valor medio da fanega de centeo naquel 1833 nas feiras de Vilalba, que era de 18 reais, resulta que con eses cartos poderían mercarse 133,5 fanegas de centeo. E tendo en conta que este era o cereal base da alimentación e que se consumía a diario, calculamos que cinco persoas necesitaría 18 fanegas ao ano. É dicir, que os 2404 reais serían abondo para o subministro de centeo dunha familia de cinco membros durante máis de sete anos. Era unha cantidade importante.

A morte dun fidalgo supoñía repartir herdanza. A viúva e os fillos, neste caso menores, debían proceder ao cálculo dos bens das propiedades. Malia que o groso da riqueza estaría investida en inmobles e cartos físicos, non por iso se desprezaban aqueles bens mobles que podían ser repartidos e, chegado o caso, convertidos en numerario. Hai que recordar que roupas, tecidos e mobiliario eran proporcionalmente máis caros que hoxe. Puidera parecer que estes trámites eran cousas de tempos pasados. Pero ben sabemos que nos nosos días está vixente o partir o que hai na casa cando se distribúe unha herdanza. Cando se deixa constancia por escrito do que hai, evítanse discusións, alborotos ou preitos cando se reparte.