Galician Country Homes

María López Sández
María Sández TRIBUNA

VILALBA

22 ago 2019 . Actualizado a las 11:34 h.

Esta semana soubemos que un grupo de xubilados madrileños escolleu unha aldea de Vilalba como residencia. Seica procuraban unha contorna saudable, tranquila, en medio da natureza e cun clima suave. Falábase da páxina web Galician Country Homes, que está destinada, fundamentalmente, a ofrecer a público non galego casas, pazos ou aldeas de calquera punto da xeografía.

Os prezos ofrecen posibilidades; máis, en moitos casos, son sorprendentes polo baratos, mesmo para o noso criterio, canto máis para o doutros países cun poder adquisitivo máis alto. Convídoos a que miren: só en Lugo ofértanse unhas 90 casas, entre as que se atopa unha “casona do século XVI con finca” na Fonsagrada por 76.000 euros ou, por menos do dobre, unha aldea enteira na que queda un veciño, cerca do Camiño Norte. A min a mención dese habitante resúltame fascinante. Pregúntome se forma parte do que se ofrece, como aderezo autóctono, ou se a idea subxacente é que, sendo só un, pouco pode durar. Os cambios sociais son imparables e levan asociados novos modos de habitación e relación co territorio. Non podemos avogar polo inmobilismo; mais, do apego proverbial, que tanto humor xerou arredor dos nosos marcos, semella que estamos pasando á desafección. A crise xogou papel: de atribuír grande valor económico ás propiedades pasouse ao estremo contrario, a velas como unha potencial carga da que desprenderse. Os ciclos económicos son sempre pendulares e, de seguirmos por este camiño, quizais cando chegue a revalorización xa nin o nome das nosas terras será o noso.