Vilalba acolle a primeira edición do CHÁ Summer School

Ana L. Cillero / M.C. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Trátase dunha escola intensiva de verán de teatro e danza para vivir o Camiño de Santiago dende unha perspectiva distinta

19 jul 2019 . Actualizado a las 18:34 h.

Dende o pasado domingo 14 ata este domingo 21 celébrase en Vilalba a primeira edición do CHÁ Summer School. Esta iniciativa forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e conta co apoio do Concello de Vilalba e a colaboración de Ingapán, a escola de danza EdroDance e o Centro Cultural e Recreativo de Vilalba.

Este campamento teatral ten un forte carácter internacional. Reuniu na capital da Terra Chá a directores de centros teatrais e de danza de diferentes países europeos: o director do Centro de Preformazione Attoriale de Ferrara, Massimo Malucelli; a directora do Balleteatro de Oporto, Isabel Barros e o director da escola Replico de Glasgow, Joe Gallagher. Todos eles estaban baixo a dirección da actriz e dramaturga galega Iria Azevedo.

O curso intensivo mestura nas súas aulas o inglés, o galego e o portugués, o español e o italiano, demostrando que o Camiño segue a ser un punto de encontro de culturas de toda Europa.

O principal obxectivo é que os participantes, adolescentes de entre 16 e 21 anos, coñezan o Camiño de Santiago desde a creación artística, a través da aprendizaxe das distintas disciplinas e ferramentas teatrais.

Nesta primeira edición hai alumnas galegas e lusas, pero teñen xa pechado un acordo para a incorporación de alumnado de Italia e outros países europeos para o verán de 2020.

As actividades formativas e lúdicas combínanse cun contacto constante cos peregrinos do Camiño Norte, xa que a través das súas historias persoais e vivencias no Camiño, as participantes crearán un espectáculo que se poderá ver de xeito gratuíto o próximo sábado, día 20, ás oito e media da tarde no Auditorio Carmen Estévez.