Nova edición do Festival de Folclore en Vilalba

Ana L. Cillero / M.C. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Ana L. Cillero

Celebrarase o domingo 21 ás 8 da tarde, na Praza da Constitución

19 jul 2019 . Actualizado a las 18:30 h.

Hoxe á mañá presentouse en Vilalba o Festival Internacional de Folclore, que se celebrará este domingo ás oito da tarde na Praza da Constitución. Previamente haberá un desfile, ás sete e media, que partirá desta mesma praza e recorrerá as rúas Basanta Silva, Campo de Puente e a Pravia, para volver ao punto de inicio para poder comezar xa coas demostracións musicais e de danza.

A concelleira de Cultura, Vanesa Siso, acompañada polo concelleiro de Turismo, Modesto Renda, foron os responsables de presentar o evento. Vanesa comezou o acto agradecendo a realización desta nova edición do festival, xa que axuda a «promover a cultura tradicional a través da música e da danza». Desta vez participará Italia coa asociación «Ri Valanegli», Eslovaquia co conxunto folclórico «Kincso», Perú coa corporación artística «Soy del Perú» e Uruguai co grupo de ballet folclórico «Aborigen». Tamén haberá música galega cos grupos locais de Buxos Verdes, Lusco e Fusco, Asociación Cultural Andrade de Vilalba. Ademais, tamén participará a Banda de Gaitas de Narón, lugar onde este festival xa leva tres edicións.

Modesto Renda recalcou a «honra absoluta» de poder contar cun certame desta categoría, xa que «é un tema de conservación polo que a xente pregunta». Isto axuda a fomentar os lazos e do mesmo xeito, o concelleiro de Turismo incidiu en que «o sentido económico de Vilalba tamén se ve mellorado».

Ámbolos dous fixeron fincapé na importancia da música e da danza como «linguaxes universais», da conexión entre os pobos a través das súas tradicións e da repercusión que ten en Vilalba e na contorna un festival deste nivel.

A xornada rematou cun intercambio de agasallos entre os concelleiros e os membros das distintas agrupacións.