O Paseo dos Soños, o paseo da fama vilalbés

Ana l. Cillero / M.C. VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Ana Cillero

O paseo foi bautizado con este nome pola Asociación Cultural Xermolos e pola Irmandade Manuel María no ano 2006

17 jul 2019 . Actualizado a las 08:12 h.

Malia que non hai ningún indicador que sinale a existencia do Paseo dos Soños, Vilalba conta con el. É un paseo que recorre a beira do río da Madalena e que vai dende os Freires ata o Muíño do Rañego. Estes case tres kilómetros, están transitados a diario por decenas e decenas de vilalbeses que se achegan a camiñar por este lugar, onde a natureza invade o territorio.

Pode considerarse un sitio perfecto para perderse e atoparse, á ida ou á volta, con xente coñecida. Pero tamén é un camiño que serve para atoparse coa cultura da chaira.

Dende o ano 2006, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María da Terra Chá bautizaron este paseo como Paseo dos Soños, onde cada ano son responsables, en colaboración co Concello de Vilalba, de colocar unha nova escultura na honra a un chairego ou chairega. Son figuras, ben de pedra ou de metal, que conmemoran a actividade que estas persoas ilustres realizaron dende o ámbito cultural. Chámanse «hectómetros literarios» porque entre cada figura hai cen metros de separación.

Dende este ano, xa son trece os monolitos que se poden atopar neste paseo, que sen dúbida, chaman a atención dos viandantes. Tanto, que un deles apareceu a finais de ano sen a parte de arriba. Foi o dedicado ao xornalista vilalbés Xulio Xiz, que conta cun figura de pedra que é móbil na súa parte superior, imitando a unha ventá. Actualmente, está colocado pero séguelle faltando unha das partes á ventá, ao que o fundador de Xermolos, Alfonso Blanco, engade que «estana amañando así que en breves será reposta». A pedra pesa moito e ao sacarse fotos con ela, cae.

O Concello de Vilalba comezou onte as labores de acondicionamento da zona fluvial, rozando aquelas malas herbas e segando as beiras do río, ao mesmo tempo que intentaban mellorar o estado destas pequenas obras. A gran parte delas están realizadas polo artista Valdi, que se axeita ao autor e á súa obra para que estes se vexan retratados nos hectómetros. Este ademais, é o responsable de revisar o seu estado e de amañar as imperfeccións xunto co traballo do Concello.