«A miña avoa durmíame con rimas»

Josefa foi a principal transmisora da obra de Caetano Arias, gaiteiro do século XX

M. C.
vilalba / la voz

O pasado sábado finou Josefa Arias Castelo, na súa casa de Santaballa, parroquia de Vilalba, aos 97 anos. Marchou unha excelente narradora oral e depositaria do repertorio do seu tío Caetano Arias López. Caetano é coñecido como o «gaiteiro santaballés» e desenvolveu a súa actividade dende 1910 até preto de 1940. Foi unha das persoas que máis marcou a vida de Josefa. El publicaba poesías nos xornais vilalbeses da época (por exemplo no Heraldo de Villalba, dirixido polo seu amigo Antonio García Hermida), e deste xeito Josefa tiña acceso a eles e podía ler. Ler todo aquilo que non podía cando non ía á escola, xa que naquela época primábase o traballo rural para poder saír adiante. Eran momentos de guerra cando ela tiña quince anos, e ese contexto tamén influía.

Todo ese tempo que pasaban xuntos serviu para que ela aprendese os seus cantos, que se transmitían de xeito popular e oral, xa que Caetano ía amenizar festas e romarías con eles.

A memoria de Josefa era moi grande. «Sabía o nome e os apelidos de todos os da parroquia», explica o seu fillo José Manuel. Nunca fixo poesía, pero encargouse de que todos aprendesen a obra de Caetano. «Eu durmía con ela, e antes de durmir ela empezaba cun verso e eu tiña que seguirlle a rima. Riámonos moito, ata ás veces meu pai nos petaba para que calásemos, porque el tiña que ir traballar cedo», comenta con morriña Raquel, unha das súas netas. «Durmíame así, durmíame con rimas», engade.

A súa familia sente que con todo o traballo que Josefa realizou conseguiron ter unha visión da cultura que ao mellor outra xente non ten, xa que, como eles din, «métencho no corpo». A súa neta Raquel e o seu fillo José Luís son algúns dos poucos que se atreveron coa poesía na casa, aínda que a idea xórdelles na cabeza e á hora de poñela por escrito váiselles. Semella que a tradición oral chegou para quedar neles.

Sobre o ano 2010 o alzhéimer chegou á vida de Josefa, pero durante os primeiros anos aínda seguía recitando os poemas. «Ela sabía recitar moi ben, e iso que á escola foi pouco», explican os seus fillos. Ademais, tampouco estudara galego e falábao moi ben, «galego normativo, ademais», engaden entre risas.

Josefa faleceu aos poucos meses de facer 98 anos, sendo a cuarta persoa e terceira muller máis maior da parroquia. Unha muller que será recordada sempre pola súa xenerosidade e cariño.

A enfermidade tratou de gañarlle a batalla á súa memoria, pero nunca puido co seu xogo de mans para mostrar o aprecio que lle tiña a todos o que a rodeaban.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

«A miña avoa durmíame con rimas»