Cando Vilalba superou os lindes do castelo

Valeriano Valdesuso comprou a fortaleza medieval ao conde de Lemos en 1897 e despois ergueu un muro arredor


Os lindes do antigo castelo de Vilalba, o seu emprazamento dominador de camiños e a transformación da contorna da fortaleza é asunto que nos vén ocupando dende hai tempo. Fotografías case esquecidas fannos retomar os estudos porque ofrecen informacións valiosas que aclaran palabras dos documentos. A estampa que hoxe nos ocupa, coa poderosa torre ao fondo, retrata o cruce das estradas de Baamonde e a de Ferrol-Rábade.

Na imaxe máis antiga observamos unha casa de planta baixa na que se sitúa a placa que sinala o inicio da rúa Cos-Gayón, aquel ministro de Gracia y Justicia que en 1892 asinou a dotación dos cartos necesarios para rematar igrexa de Vilalba. Rúa que antes fora coñecida por estrada de Lugo, por rúa da Liberdade, despois foi chamada de Primo de Rivera e hoxe coñécese por rúa de Galicia. A carón da casa un poste de

fundición de ferro sinala a dirección de Rábade.

 A muralla, substituída

Pola estrada de Baamonde, actual rúa conde Pallares, achégase unha muller calzando zocas e cesta na cabeza que racha a soidade do lugar. Un poste da luz cos seus cables abéirase a un muro de pedra acabado de facer e que pecha, supoñemos, unhas hortas. Antes da torre, despois da árbore, sitúase un solar onde se desfixera unha casa que aínda conserva o penal. Máis aló outra casa con galería traseira.

Do conxunto fixámonos no muro. Era o que levantara había pouco o promotor inmobiliario Valeriano Valdesuso despois de mercar o castelo ao conde de Lemos en 1897. Substituía a antiga muralla do castelo aínda que tiña menor altura e grosor. A pedra sobrante foi utilizada en casas circundantes edificadas polo construtor. A fotografía pode datarse aló polo ano 1900 ou moi pouco despois. A perspectiva cambia uns vinte e cinco anos despois.

Dende máis lonxe a fotografía devolve unha imaxe da rúa Cos-Gayón ou Galicia na que se construíron modernos edificios e amplas beirarrúas que só un home parece disposto a pisar. Está presente a casa baixa de inicio da rúa. Onde se situaba a árbore, aló por 1909, o acomodado Pedro Paz, de Pacios-Begonte, edificou unha casa con xardín, logo coñecida polo nome do seu xenro, Abelleira, unha das máis sólidas da vila e símbolo da prosperidade comercial que chegara da man das feiras.

 Galerías

E como as posibilidades económicas continuaban e novas modas arquitectónicas chegaban das cidades, a esa casa engadíronselle, aló nos primeiro anos da década de 1930, amplas galerías que, aproveitando a luz e a calor do sol, servían de lugar privilexiado de observación tanto do tránsito diario coma dos acontecementos extraordinarios que noutrora marcaban o paso do tempo.

Tomando como referencia as ameas e a porta da torre da homenaxe, hoxe a visión do lugar é diferente. A casa baixa onde se iniciaba a rúa Cos-Gayón non existe e o seu espazo pasou a formar parte da calzada. O xardín da casa de Abelleira foi asimilado, seica, aos espazos do parador. Unha casa que destina o baixo a café-bar e que se acabou de construír en 1936 empraza a súa fachada seguindo o aliñamento do muro que substituíra a vella muralla da castelo. Indicadores ben distintos dos antigos continúan informado de lugares.

 Cables

Automóbiles e viandantes chegan e marchan no cruce que xa non parece tan solitario. Os sempiternos cables da luz fanse ver atravesando o espazo por onde mellor convén á compañía eléctrica sen que ninguén ouse chistar. E para demostrar a limpeza do lugar nada mellor que unha exposición de depósitos de reciclaxe que sairán nas fotos dos curiosos e turistas que retraten o emblemático lugar da vila.

Cousas!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cando Vilalba superou os lindes do castelo