Cinco mil euros de solidariedade conseguidos con gaitas e pandeiretas

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

VILALBA

cedida

A recadación da gala destinouse a Somos Unidos por el cáncer e iguala a maior doazón recibida ata agora

05 jun 2019 . Actualizado a las 08:30 h.

Nete é unha pequena parroquia do municipio de Vilalba no que non sobra xente, pero si ganas de facer cousas. A través da súa asociación de veciños levan anos impulsando actividades de todo tipo, aínda que son a música e o baile tradicional os que concitan maior atención. O ano pasado, da man da súa profesora de pandeireta, converteron o seu festival de fin de curso nunha gala benéfica que os levou ata o auditorio vilalbés. Encheron o recinto e recadaron 3.000 euros que destinaron á Asociación española contra el cáncer.

A satisfacción que sentiron ao ver que a súa música e o seu baile servían a un bo fin fixo que este ano repetiran coa ansia de xuntar de novo esa cantidade, pero as súas previsións quedáronse curtas e chegaron aos 4.930 que onte ingresaron na conta de Somos Unidos por el cáncer, a ONG que elixiron como beneficiaria este ano pola gran labor que están a facer.

«Cando comentei no grupo de WhatsApp que temos na asociación que ingresara xa a cantidade, un dos membros dixo que poñía os 70 euros que faltaban para completar os 5.000», desvela Ángeles Rivas, unha das integrantes da directiva da asociación de veciños de Nete. Ela, ao igual que o resto do colectivo, non pode agochar a súa satisfacción por ter xuntado tantos cartos para un bo fin.

Na gala benéfica, celebrada a pasada fin de semana, os veciños de Nete conseguiron encher de novo o auditorio. Coa venda de entradas reuniron 2.500 euros, e con outros donativos 1.400 máis. A asociación de veciños traballou a reo non só na parte escénica, senón tamén na organizativa, e contaron coa colaboración da zoqueira Elena Ferro, que doou un par de zocos que se rifaron. «Nunha semana vendemos todas as rifas e xuntamos 1.000 euros», celebra Ángeles, que non agocha o seu agradecemento. «Tivemos moitísima colaboración, foi moi especial, todo o mundo está moi sensibilizado e saben que Somos Unidos está facendo un gran traballo». Como o traballo dos 60 alumnos que pasaron polo escenario do auditorio de Vilalba e de todos os que colaboraron con eles por unha boa causa.

O destino da doazón

Dende que Somos unidos por el cáncer deu os seus primeiros pasos, aló polo 2014, tan só noutra oportunidade recibira unha doazón tan alta, cando, hai dous anos, se celebrara a maratón de tatuaxes. «Foi un festival fantástico», valora José Manuel Vázquez, presidente de Somos unidos, que xa desvelou a que se destinarán eses cartos.

«Empregaranse para a ambulancia que mercaremos para o proxecto Somos tu deseo, un proxecto nacido en Holanda e que en España hai en Murcia, que servirá para axudar a enfermos terminais ou paliativos a cumprir os seus últimos desexos», describe Vázquez. Adquirir o vehículo costa 12.000 euros, pero deberán habilitalo tamén con material médico como osíxeno, desfribrilador... Esta ambulancia cubrirá toda Galicia e parte de Castela e León.