Cando Vilalba organizou unha feira entre o San Froilán e as San Lucas

XOSÉ ANTÓN POMBO

VILALBA

PALACIOS

A Chouzana foi o lugar elixido para levar o gando, aínda que o Concello prefería outra ubicación

23 jul 2023 . Actualizado a las 18:33 h.

Recordamos hai días nestas páxinas as indagacións de don Antonio Peña Novo sobre a necesidade sentida en 1865 de agrandar os espazos da feira en Vilalba. Pensouse que os todos os terreos que rodeaban a torre da homenaxe do castelo serían apropiados para feirear e beneficiosos para o urbanismo por xuntar ao seu redor as tres prazas: o campo Castelo, hoxe praza de Suso Gayoso; a Maior, hoxe de Santa María, e a do Pan, hoxe do coronel Pena. Esta idea, xa se sabe, non chegou a realizarse. O atento lector pensará que foi cousa de cacicada e poida que teña razón, pero, de ser así, hoxe non constan probas. Pasados dous anos, en 1867, a corporación municipal protesta con desagrado diante do comunicado do Goberno Civil manifestando que o arquitecto provincial desaconsellaba os terreos escollidos e que para campo da feira eran preferibles os que daban por tras da casa Consistorial, é dicir, na Chouzana.

Alcalde, concelleiros e principais contribuíntes ratifícanse na decisión anterior e argumentan que xa o gando ocupaba o campo Castelo, que só se expropiarían terras e unha casa mal conservada, que se contaría co resultante de vender a pedra da muralla, que se podería abrir unha rúa de entre a praza Maior e a estrada de Ferrol-Rábade e que nas beiras desta última había estenderse a vila cando se erguesen novas casas.  Engadíase que A Chouzana estaba máis exposta aos temporais, que se interrompía un camiño público, que alí cumpriría facer escaleiras e erguer un muro de sostén de terreos e que os socalcos poñerían en perigo de caída a persoas e animais. Tamén que sería máis caro. Non houbo acordo e o asunto parou doce anos. En 1879 o daquela alcalde, Pascual García López, deu conta de que recibira o proxecto elaborado polo arquitecto provincial Nemesio Cobreros para o tan necesario campo da feira do gando na Chouzana, «limítrofe con esta vila». O cambio de emprazamento estaba consumado.

Para as obras xa se reservaran 7.000 pesetas e habíanselle achegar máis cartos en orzamentos sucesivos por necesitarse para expropiar terras, facer explanacións e construír muros. Polos planos pagáronse 700 pesetas, ao arquitecto e en xuño de 1880 empezou o achaiado dos terreos.

A obra acabou a finais dese ano, e no mes de xaneiro de 1881 xa se acordou pagar o seu custe: 12.280,53 pesetas. Para sacar partido aos novos espazos acordouse celebrar unha feira anual de gando de tres días de duración, entre o san Froilán e as san Lucas, que eran os referentes da provincia.

 Compra de árbores

Coa finalidade de dar sombra ao campo da Chouzana compráronse en Monforte plátanos e chopos negros, que se plantaron con protección para non sufrir deterioro. O importe das cen árbores, dos

portes e de plantalas foi de 362 pesetas. Con estes cartos, aquel ano, poderían comprarse 29 pares de capóns, 40 fanegas (2.240 quilos) de centeo ou 120 quintais (6.900 quilos) de patacas. Como os fondos municipais eran necesarios pero escasos, decidiuse vender os terreos onde ata daquela se viña celebrando a feira do gando.

A vida diaria transcorría conforme aos tempos. Para abrir a estación de telégrafo, inaugurada dentro da liña de Ourense a Mondoñedo, o Concello tivo que aportar local e moblaxe, incluído un reloxo de parede comprado a don Nicolás Mato por 67 pesetas e dúas estufas que se encargaron á Coruña. Era músico maior da banda don Lorenzo Cascudo, a quen se lle pagaron 140 pesetas polas festas amenizadas en 1880. Continuaban celebrándose feiras no Barrazoso (Gaibor, Begonte, lindando con Fontefría-Xoibán-Vilalba) e en Árbol.  Escolléronse compromisarios para elixir senadores. As quintas ocupaban recursos do Concello e alistábanse mozos para os exércitos de Ultramar. Os impostos, feitos por repartimentos segundo a fortuna do cabeza de familia, eran obxecto de discrepancias. O perito repartidor de contribucións -Caetano Ramos, de Santaballa- renunciou ao cargo porque xa levaba cinco anos nesa función. En Trastoi, no vilar do Castro, o veciño Benito Ramudo puxo unha cancela que atrancaba o paso dos veciños para a fonte...

 Novo alcalde, Antonio Gesto

En sesión do 1 de xullo de 1881 tomou posesión como novo alcalde Antonio Gesto Vila. Consta transcrito fielmente o discurso de despedida do rexedor saínte, Pascual García, enumerando os logros do seu mandato no bienio anterior. Amoblouse con certa dignidade a casa Consistorial; pagáronse débitos habidos, concluíuse a estrada de Baamonde, que custou á provincia más de 375.000 pesetas; quedaba listo o novo campo da feira; recompúxéronse o campo Castelo, a Porta de Cima e a costa da Roxeira; refixéronse as pontes da Madalena (Mourence), de Meire (Belesar) e os da Fervenza e Murelos (Corvelle), e 1.159 pesetas custou o novo firme da praza do Pan e da ronda do Castelo, hoxe rúa Alférez López. Engadiu que se estaba tramitando o ensanche da ronda do Castelo e o novo camiño ao cemiterio, situado nos Castros. Finalmente mostrou o seu apoio ao novo alcalde e aos novos concelleiros porque «son ilustrados e prudentes, non coma outros que están mal inspirados e peor aconsellados». Rematou cun viva a Alfonso XII.

Inauguración na Chouzana

Os días 14, 15 e 16 de outubro de 1881 inauguráronse o campo da feira na Chouzana celebrando a feira anual. Para dar solemnidade e atraer xentes acordárase premiar en metálico os mellores exemplares de gando establecendo categorías para cabalos, eguas, mulas, machos, poldros, poldras, bois, vacas, xatos, xatas, cochos, carneiros e cabras. O xurado encargado do ditame dos animais presentados estaría aconsellado por albeite ou práctico no asunto, e o gando premiado procuraría quedar exposto ao público no tempo da feira.

Acompañando a celebración houbo música, bombas e foguetes. As contas dos gastos da inauguración supuxeron 529,50 pesetas. Trasladada a feira, abertas as estradas, reconstruídas algunhas pontes, Vilalba foi medrando. Sobre a vida diaria, as novas casas e o goberno municipal de fins do século XIX escribiremos outro día coa imprescindible axuda dos papeis de don Antonio Peña Novo.