O capón de Vilalba, a arte e o artista mindoniense que o representa

XOSÉ ANTÓN POMBO

VILALBA

XOSÉ VIZOSO

Xosé Vizoso emprega técnicas das vangardas do século XX e gran riqueza de cores no seu traballo

20 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai para un mes que dixemos (La Voz de Galicia 21-12-2018) que a representación do capón non goza de lugar destacado en comedores onde é degustado. Para entender do asunto fomos, coma sempre, á Historia e soubemos que ao longo do tempo moitas obras de arte foron destinadas aos cuartos onde se gozou, e aínda goza, dos praceres da boa mesa.

Os triclinia, comedores romanos, adornábanse con pinturas ao fresco e mosaicos que representaban froitas, peixes, aves e, naturalmente, capóns. Na Idade Media galos e galiñas eran servidos nas mesas dos poderosos, coma o caso aquel correxedor de San

Domingos da Calzada que porfiou en que un mozo inocente executado estaba tan vivo coma o galo e a galiña que el ía comer... e, producíndose o milagre, o galo cantou. Pero será a partir do barroco e da secularización, en parte, da pintura cando os bodegóns

adquiren forte personalidade.

Nos séculos XVII e XVIII os artistas plasmaron nos cadros dende conxuntos de verduras, froitas, caza, pescados, ata flores, composicións vexetais ou utensilios de cociña. Naturalmente que as pinturas estaban destinadas a

burgueses e autoridades civís e eclesiásticas que podían permitirse o gasto dun pintor de sona mentres gozaban tanto dos manxares representados coma doutros. É dicir, eran pinturas para decorar a casa dos propietarios e tamén para indicar un estatus social que os convidados debían admirar.

Xantares e costumes

Este tipo de pintura tivo continuidade no tempo. Recordamos con admiración bodegóns, naturezas mortas, de Luís Meléndez; temos na memoria representacións das comidas e festas campestres dos pintores románticos;

asombrámonos da habilidade de ceramistas levantinos que, popularizando a arte, deixaron nos azulexos trazos da vida diaria relacionada cos cultivos da horta e coa actividade culinaria; non deixamos de recordar os impresionistas e cubistas que deixaron para a posteridade a súa admiración e gusto pola comida e por compartila con parentes e amigos... Pero o máis sentido, o que máis nos chega ao corazón de verdade, é a admiración polos pintores galegos modernos que deixan constancia de xantares e

escenas inseridas nos nosos costumes, como é o caso da Voda en Bergantiños, de Sotomaior.

Pero temos especial querenza polas obras de Xosé Vizoso. Os seus cadros e carteis, os seus deseños, plasman composicións que van máis aló da simple escenografía de representar un alimento, do capón que nos ocupa. Ben o din as imaxes que nos

acompañan. As disimetrías de reminiscencias cubistas quedan atenuadas e delimitadas por trazos firmes que recollen colores complementarias e provocan un resultado harmónico sen que se distraia a vista. A profundidade da perspectiva substitúese por

combinacións de cores que de por si proporcionan imaxes tridimensionais.

Trazo firme

Vizoso sabe captar coma ninguén o auténtico capón. Porque non se trata só dunha ave disposta a ser degustada. Tras do pito ou galo está o home ou a muller que o traballa con coidado, que o cría, que o mantén, que o leva á feira e que espera recompensa adecuada por tantos esforzos. O tema da feira do capón transfórmase polas mans do pintor en lugar de encontro e intercambio de reflexións interiores.

Os espectadores das imaxes, que os hai, comprenden a importancia do trazo firme e do dominio de combinar colores porque, en

sabendo destas artes, pode plasmarse calquera cousa e transmitir emocións que con dificultade se explican na escrita.

Contemplando o froito inspirado por tan particular musa (Beatriz coma no caso de Dante, poñemos por caso), a reflexión provoca ademais un difícil reto: proclamar en palabras eses sentires que a pintura deixa no espectador e no comensal de tan rico manxar, sexa este burgués, fidalgo ou pecheiro, que para o caso tanto dá.