Vilalba lembrará o centenario da asemblea das Irmandades da Fala en Lugo

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

VILALBA

CEDIDA

O Iescha e o Consello da Cultura Galega promoven unhas xornadas, que se celebrarán os días 16 e 17 

09 nov 2018 . Actualizado a las 13:39 h.

A asemblea que as Irmandades da Fala celebraron en Lugo en novembro de 1918 será lembrada, cen anos despois, en Vilalba. O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega organizan unhas xornadas, que se desenvolverán os días 16 e 17 na Casa da Cultura da capital chairega.

O venres, ás cinco e media da tarde, terá lugar o acto inaugural, no que ademais das respectivas presidentas do Iescha e do Consello da Cultura Galega, Marisa Barreiro e Rosario Álvarez, intervirá o alcalde vilalbés, Agustín Baamonde. Logo proxectarase un audiovisual sobre as Irmandades, e a conferencia do día será pronunciada polo historiador Ramón Villares. 

Para o sábado quedan unha mesa redonda (os ponentes serán Uxío Breogán Diéguez, Alberte Currás, Emilio Insua e Manuel Roca), a actuación do grupo local de guitarras Pizzicato Trio, unha conferencia de Encarna Otero e unha ofrenda  floral diante do monolito que lembra, na rúa Valeriano Valdesuso, aos fundadores do grupo vilalbés.

A creación da irrmandade vilalbesa foi lembrada no verán do 2016 con varios actos; non só se descubriu un monolito senón que tamén se organizou un roteiro pola zona vella.