Monseñor García Amor


Mañá fai 90 anos Uxío García Amor, crego de Vilalba, director da Polifónica Vilalbesa. Podería levar vinte e cinco anos xubilado, pero segue plenamente en activo prodigando actividade e ben a todos os que temos a sorte de estar arredor, aínda que non deamos reflectido o que el irradia de bonhomía, sabedoría, modestia, compaña e agarimo.

Nado en Sante (Trabada), leva 65 anos de crego. Puido ser bispo pero nunca aspirou a distincións, e supoñemos que non aceptou. Na diocese foi vigairo xeral, administrador diocesano e profesor, servindo despois postos máis humildes nas Pontes, Muras e Vilalba, porque a súa vocación é a de servir sempre aos demais.

Don Uxío, en xeral denominación, é un grande das letras, da Igrexa, das humanidades, con tres licenciaturas universitarias e o agarimo e admiración de todos os que foron os seus alumnos ou somos os seus fregueses. Veu a Vilalba e aceptou ser director da Polifónica, sempre de xeito desinteresado, como antes o fora do Orfeón de Obreiros de Mondoñedo. E en Vilalba foi nomeado Socio de Honra do Iescha, e Chairego de Honra en 2012 por Xermolos e a Irmandade Manuel María. O papa Bieito XVI nomeouno «Prelado de honra da Súa Santidade», levando consigo este nomeamento o título de Monseñor.

Pois a monseñor Uxío García Amor, este sábado, os vilalbeses renderémoslle homenaxe de amizade e gratitude, cunha misa na igrexa, e un xantar de amigo especial no restaurante Montero, certificando que sempre estivo e está connosco, ao servizo de Vilalba, dun xeito humilde e calado, que tanto ben nos fai, e tanto a el o honra como home de Deus ao servizo da xente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Monseñor García Amor