«Hai suficiente regulación cos lodos, pero fan falta máis controis»

Laura López LUGO / LA VOZ

VILALBA

CEDIDA

Adolfo López Fabal explica que é difícil buscar alternativas aos lodos porque «son os nosos residuos e hai que darlles saída»

28 oct 2018 . Actualizado a las 12:39 h.

Adolfo López Fabal, profesor e investigador do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Lugo, é experto en agronomía, calidade do solo, fertilizantes e residuos. O caso dos tres veciños de Vilalba que resultaron intoxicados por gases de lodos hai uns días reabriu o debate sobre a seguridade destes residuos.

-A que nos referimos cando falamos dos lodos de depuradora que van ao campo?

-No termo «lodos» hai moita variedade. Son restos da parte orgánica da depuración de augas residuais. En xeral, trátase de materia orgánica fresca. Por iso, hai uns tratamentos obrigados aos que deben ser sometidos para que esa materia sexa menos reactiva, emita menos olores e ocasione menos problemas de fermentación. Eses tratamentos poden ser máis ou menos efectivos.

-Que compoñentes teñen eses lodos?

-En canto aos compoñentes concretos, esa materia orgánica leva metais pesados, sobre todo os lodos urbanos, procedentes de grandes cidades ou de vertidos industriais de calquera tipo. Concretamente, os metais pesados son cadmio, cobre, cromo total, cromo 6, cinc, chumbo, mercurio e níquel.

-Que prexuízos teñen para a saúde e para o propio campo?

-Estes metais non teñen problemas de toxicidade inmediata, pero acumúlanse; e iso fai que aumente o nivel de metais no solo, polo tanto, nos cultivos, e polo tanto, que pasen á cadea alimentaria. E todo este proceso é progresivo. De todas formas, é un problema coñecido e está controlado, os solos contrólanse.

-Cales son os riscos que supoñen eses metais para a saúde?

-Ese tema non está moi contrastado porque hai uns límites diferentes segundo o lugar. Está claro que os metais pesados afectan á saúde, de formas moi variadas (efectos canceríxenos, problemas de fertilidade...), pero estamos expostos a estes metais por moitas frontes, e non podemos determinar canta é a cantidade destes compoñentes que nos chega vía alimentación. Hai que limitar os niveis de metais pesados, de feito, todo o que vén de residuos ten establecido un límite de metais, pero non é un tema tan claro porque hai moitas fontes de orixe. Canto pasa á colleita? Pois depende de moitos factores. O que está claro é que se está regulando frecuentemente e creo que hai suficiente regulación, pero fan falta máis controis.

-Que precaucións hai que tomar á hora de utilizar os lodos?

-Os lodos úsanse no campo porque teñen un gran poder fertilizante, con bastante nitróxeno, fósforo e potasio. Pero se non se usan adecuadamente, pode pasar como cos fertilizantes minerais ou xurros, que ocasionan problemas cando chove e son arrastrados ás augas.

-En Vilalba o problema parece que se debeu aos gases.

-O problema en Vilalba debeuse aos gases, si. Cando a materia orgánica fermenta libera gases, como amoníaco ou ácido sulfhídrico. Estes gases emítense pola degradación da materia orgánica. Ocorre que se os lodos tiveron un tratamento suficiente, non debería de haber tantos gases, pero se os lodos son frescos ou están pouco tratados, é máis habitual que pase iso. Os gases si que ocasionan problemas inmediatos, como sucedeu neste caso. De calquera xeito, aquí hai menos regulación, pois as emisións de gases non se miden. Un xestor debe facer unha serie de tratamentos cos que se minimizan as emisións de gases, pero así como para os metais hai establecidos uns límites, para os gases non os hai. Os problemas cos gases ocorren sobre todo en sitios pechados, se os botaran directamente no campo, probablemente o que ocorreu en Vilalba non tería pasado. No caso de Vilalba é fácil que a causa fose unha insuficiencia de tratamento.

-Habería que buscar alternativas aos lodos no campo?

-Non é fácil, porque os lodos son os nosos residuos e hai que darlles saída. Pasamos de levar todo ao vertedoiro a reutilizar. Canta máis auga se depura, menos se verte ao mar e aos ríos, pero iso xera un lodo ao que hai que dar saída. Sempre vai haber un risco, e o que temos que facer é minimizar os problemas.