Cando Vilalba loitou contra a gran gripe

xosé a. pombo

VILALBA

PALACIOS

O Concello deu desinfectantes aos pobres e mellorou as fontes que subministraban auga aos veciños para evitar a expansión da epidemia en 1918 

17 sep 2018 . Actualizado a las 18:49 h.

Hai cen anos, ano 1918, púxose en marcha o virus da gripe, que deixou entre 50 e 100 millóns de mortos no mundo. Orixinouse en campamentos militares dos EE.UU. Os movementos de soldados e as aglomeracións nos cuarteis fixeron que axiña chegase a

Francia e despois a toda Europa.

A enfermidade empezaba cos síntomas clásicos: dor na gorxa e na cabeza e febre; logo aparecían perda de visión e audición e máis tarde delirios e convulsións... e manchas escuras por todo o corpo. E para rematar complicábase con pneumonía, que realmente era a que mataba. Para remediala, e por non haber antibióticos, receitábanse doses altas de aspirina, de quinina e preparados de arsénico. Loitábase co que había contra a bacteria da pneumonía, pero non se sabía que era un virus o causante do mal. Xente varia recomendaba preparados de dubidosas propiedades e algúns fomentaban o fumar, porque, dicían, o fume mataba os microbios.

Nas defuncións de militares escribíase que morreran «na fronte de batalla». A gripe chegou a Galicia en dúas ocasións: no outono de 1918 e na primavera de 1919. En Ourense déronse 145 mortos por cada 10.000 habitantes, 127 na Coruña, 110 en Lugo e 89 en Pontevedra. A media de España foi de 92. Para aquel tempo considerábase normal que fose de 10 por 10.000 habitantes. Como medidas preventivas prohibiuse o cuspir no chan e as aglomeracións de xente, e desinfectáronse edificios públicos e privados.

En 1918, en Vilalba, os alimentos eran caros e poucos. Os acaparadores facían subir os prezos nas feiras e obtiñan boas ganancias exportando a Europa. As autoridades marcaron uns máximos, pero non eran respectados. Así, en xuño dese ano, a Garda Civil de Vilalba requisou e fixo depósito de 652 ducias de ovos e o Goberno Civil mandou que se vendesen ao prezo de 1,25 pesetas e que os cartos servirían para responder das consecuencias legais do comiso. Ante este feito os representantes dos sindicatos agrarios católicos protestaron por considerar que o prezo debía ser maior: os ovos eran un recurso moi socorrido no rural para obter numerario. Os gardas civís de Cospeito e dúas parellas de cabalería concentráronse en Vilalba nas feiras de agosto para disuadir posibles alborotos.

En setembro de 1918 a alarma da virulencia da gripe xa estaba presente. O alcalde, Andrés Basanta, recibe autorización do Concello para usar os recursos dispoñibles que evitasen no posible a propagación da enfermidade. Tomáronse varias decisións. A primeira foi dotar aos pobres dos desinfectantes necesarios para sanear vivendas e persoas.

A segunda foi mellorar as fontes que subministraban auga á veciñanza, e para iso reparáronse e acondicionaron as fontes da Porta de Cima, do Campo Castelo e a da praza de San Xoán. Para favorecer o acceso á primeira mercáronse, e tiráronse, unha casa arruinada (995,95 pesetas) e un alboio (109,67 pesetas). Para dotar de suficiente capacidade á segunda, escaváronse novos pozos na parte alta da vila.

Unha terceira medida foi a de dar cales, interiores e exteriores, aos edificios públicos ademais de pintar o quiosco e os bancos do campo da feira. E aínda máis: con cargo á Deputación e ao Concello, reforzouse a atención sanitaria por tres meses con outro médico, Luís López del Amo. Pero a vida continuaba. Demandábase un tren eléctrico Lugo-Ribadeo por Vilalba. Queríase amañar o camiño da Fonte Pisón (Santaballa) ao alto da Armada (Lousada). Escaseaba a gasolina, e había problemas co reparto do correo. O Concello acordou que todos os anos se celebrase o mercado dos capóns en data fixa, o 19 e 20 de decembro. En xullo de 1919 concédese unha subvención de 56 pesetas ao presidente do sindicato agrícola católico de Lanzós para presentar queixos de San Simón e xamóns da comarca nunha feira de mostras na Coruña.

O Concello solicita do Goberno da nación que se instale na vila unha granxa agrícola na que se dean a coñecer novas máquinas agrícolas e sementes melloradas. Falece o avogado e antigo alcalde Pedro González Maseda, e deixa unha manda testamentaria de 5.000 pesetas para beneficencia. Trázase a estrada de Vilalba a Muras, precisando reconstruír a ponte Bermuz. Instálase o teléfono na vila, e o Concello aporta local e compra a centraliña marca Ericson para dar servizo. Mariano Sánchez solicita permiso para un pavillón de cine na rúa Cos-Gayón. Estase construíndo un edificio escolar en Mourence.

En febreiro de 1920 declárase vacante a praza de médico municipal por renuncia do seu titular, José Campos Goás, que exercía no Centro Galego da Habana. En xuño recoñécense os moitos beneficios que os deputados Rodríguez de Viguri e Rodríguez Díaz dispensaron ao concello: creación das escolas de Pedrouzos (A Torre), Ribeira (San Simón da Costa) e Vilapedre e o camiño que conduce á ponte Bermuz e que comunica as feiras de Vilalba e do Viveiró...

Vilalba non dispoñía do tan ansiado hospital, proxecto que se iniciara dez anos antes. As obras do edificio, xa lousado e paredado, había catro anos que se paralizaran por falta de fondos. En Vilalba había catro médicos, dous antigos, Eliseo Díaz Anllo e Víctor Andrade, e outros dous novos dos que se garda especial memoria, Plácido Peña e Domingo Goás. Estes acababan de rematar os seus estudos e de sobra coñecían a sintomatoloxía e tratamento da gripe, pero, coma todos, non contaban coa virulencia coa que chegaba.

Plácido Peña Novo era irmán do procurador e xornalista Antonio; do avogado e político Lois; de Dionisia, de Carmen e de Amparo. Todos, fillos de María Novo Pardo, filla de caseiros no pazo de Mourence, e de Vicente Peña Rodríguez, oriúndo de San Sebastián de Devesos (Ortigueira), que fixera fortuna en Cuba e que ao casar se establecera en Vilalba, onde foi concelleiro na década de 1890. Tiñan casa no Rolo.

Plácido Peña casou con María Orosa en xuño de 1918. Foi célebre a súa entrega e traballo continuo para curar a enfermidade; tamén o seu desintese económico. A xente de Vilalba recoñeceu os seus esforzos outorgándolle o seu nome a unha rúa e colocando unha placa no Concello. Máis tarde trasladaríase á Coruña, cidade onde dirixiu un pequeno hospital e onde morreu en 1932, se ben foi enterrado na súa Vilalba natal.

Domingo Goás Canto viña dunha familia establecida en Vilalba. Era fillo do farmacéutico Daniel Goás Pardo e sobriño do notario Eulogio Goás Pardo, quen morreu, probablemente de gripe, en xuño de 1918. Nesa data vémolo como médico acabado de licenciarse coa cualificación de sobresaliente e establecido na vila. Casou con Pilar Chao e puxo consulta no número 12 da rúa Cos-Gayón, hoxe rúa de Galicia. En 1920 foi nomeado médico municipal. Dous anos despois o Goberno concedeulle a Cruz de Beneficencia polos seus desvelos durante o andazo de gripe.

Foi a gripe a que acabou coa gripe. Morreron os menos fortes, os que padecían outras enfermidades e os debilitados pola pobreza e mala alimentación. Quen a padeceu e non morreu quedou inmunizado. Pero aí non acabou o asunto. Este virus, ou un parente próximo, foi responsable, polo menos, da gripe de 1977-1978 e do andazo de 2009 que tanta alarma causou e que se coñece como gripe A/H1N1. Gardémonos dela!

Víñanse marcando prezos para os alimentos, pero non se respectaban

Por hixiene deuse cal a edificios e pintáronse o quiosco e bancos

A vila aínda non tiña hospital, pois as obras pararan por falta de fondos

Os médicos Plácido Peña e Domingo Goás fixeron un gran labor

A atención médica foi reforzada coa contratación doutro profesional