«Gústame que a xente o pase ben; xa hai abondos problemas no mundo»

A vilalbesa Estrella Naseiro promove e protagoniza curtametraxes en YouTube

.

VILALBA / LA VOZ

Sara Lodeiro de Buxo é de Vilalba e do mundo, moderna pero tradicional, disposta a escoitar e a prestar a atención pero tamén a facer despois que lle peta. Velaí algúns dos trazos da personaxe principal dunha serie, As cousas da Sara, da que xa hai curtametraxes ao dispor do público en YouTube. O proxecto sae adiante co traballo de Videolume, empresa de traballos audiovisuais; pero tamén se pode dicir que o personaxe ten saído do maxín de Estrella Naseiro, protagonista ademais das curtametraxes xa rodadas, nas que o humor está moi presente ao longo das historias.

-Como naceu a idea?

-Naceu no verán do 2017. A personaxe xurdiu na obra Irmás S.L. [peza teatral escrita por ela]. Aproveitei un videocampamento , organizado pola Deputación da Coruña coincidindo co Festival Noroeste; propuxen facer algo de ficción e lembreine de Sara e da súa irmá.

-Vostede é activa, pois participa en cousas en Vilalba; é expresiva. Por que escolleu o sector audiovisual?

-Gústame comunicar; pero quero que a xente o pase ben neste mundo, no que xa hai abondos problemas. É como se che meten un chute de vitaminas. Calquera cousa, mesmo estando na cola do supermercado, me vale, e de algo que vexo podo sacar unha historia. Teño un caderno no que vou anotando o que se me ocorre [Di que o caderno non ten boa imaxe, pero está forrado; ten páxinas escritas a man].

-Mellor facer rir ou facer chorar?

-Prefiro facer rir, aínda que a separación é unha liña moi delgada. Gústame, por exemplo, o humor de Mr. Bean [serie inglesa dos anos noventa protagonizada polo actor Rowan Atkinson] ou o de películas como A costela de Adán [protagonizada por Katharine Hepburn e por Spencer Tracy] ou Os deuses deben estar tolos [película sudafricana de 1980]. Aí hai tamén traxedia, pero poste a vela e ris. Gústanme as películas que son tenras e nas que te namoras das personaxes.

-Como xorden os argumentos das curtametraxes?

-Para min, a mellor fonte de inspiración é o día a día. Teño anécdotas de parentes e de coñecidos; hai situacións nas que a xente di ‘isto tamén me pasou a min’.

-Por que elixe Vilalba como escenario? Séntese máis cómoda?

-Quero que se vexa Vilalba. Quero facelo aquí, e acabouse: a Sara quere que a xente veña á súa vila.

-Que cousas de Vilalba se poden chegar a contar noutras curtametraxes?

-Sara Lodeiro de Buxo tivo antepasados que traballaro na construción do castelo. Aí pode saír un episodio. Xa teño unha historia; ves que rápido se fan?

«En Vilalba hai cousas; non as fai quen non quere»

Estrella Naseiro non cre que vivir en Vilalba supoña renunciar a unha vida que se podería ter nunha gran cidade. «En Vilalba hai cousas; non as fai quen non quere», di. Pensando no futuro, semella que as aventuras de Sara Lodeiro aínda van xerar máis sorrisos. Nunha das curtametraxes xa apareceu o queixo de San Simón da Costa, así que non sería raro que nunha das seguintes se vise un capón: «Terei que poñerme en contacto con algún criador», afirma cando se lle suxire esa posibilidade. A satisfacción que lle produce o que fai non admite dúbida: «O importante nesta vida é estar a gusto e tranquilo, non meterte con ninguén. E punto», di.  

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Gústame que a xente o pase ben; xa hai abondos problemas no mundo»