«Creo que unha imaxe axuda a entender a historia dun pobo»

Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, salienta que o pasado se explica mellor coas exposicións de fotos antigas

.

VILALBA / LA VOZ

«Tal como eramos» é o título dunha película protagonizada por Barbra Streisand e por Robert Redford. En Vilalba en particular e na Terra Chá en xeral, con ese título é coñecida outra historia, a das exposicións de fotos que organiza o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha). Onte pola tarde, no Auditorio de Vilalba, inaugurouse outra, que dá continuidade a unha iniciativa bienal.

-Canta memoria colectiva se fai, ou se axuda a facer, con estas exposicións?

-Creo que se axuda a facer moita memoria, a recuperar cousas abandonadas ou esquecidas. E tamén se fai algo que está nos nosos estatutos, a defensa da lingua e da cultura de Galicia, primeiro na Terra Chá e logo, por extensión, en todo o país.

-Hai recoñecemento a ese labor que realiza o Iescha, coa recompilación de imaxes e todo o que implica?

-Creo que non. Non é igual un traballo visto dende fóra que avaliado dende dentro. Hai que buscar xente que teña ese material, aínda que tamén agradezo a axuda da xente que nos achega fotos. Hai un importantísimo traballo de escaneado e de mellora da calidade fotográfica coas técnicas de hoxe. O compañeiro de directiva Chema [Felpeto] emprega moito tempo niso. Estamos a falar dun arquivo de máis de 15.000 fotos, e todo iso hai que gardalo para que sirva cando se quere facer unha exposición.

-Que é mellor, o conxunto das fotos en si ou que todas esas imaxes axudan a explicar a quen as ve?

-Teñen dúas funcións. Por unha banda, axudan a entender o paso do tempo; hai esa dimensión histórica. Eu tamén me entreteño moito con eses grupos de mulleres que comparten tertulia ou momentos de lecer.

-Vendo as fotos, sexan relativamente recentes ou algo más antigas, vese que cambiou moito a Terra Chá?

-Creo que hai cousas nas que si se deu ese cambio. Noutras, aínda se está nunha situación máis semellante a como eramos. Repito que me gustan, nas exposicións, as fotos de muleres, aínda que hai moitas máis de homes. Quizais, mesmo hoxe nonh hai aínda tanta presenza da muller. A sociedade mudou, pero non sei canto diso chegou á mente das persoas. Queda moito por facer.

-Usando o arquivo fotográfico que vai facendo o Iescha dende hai anos, como definiría a historia da Terra Chá?

-Creo que, como noutras zonas, o mundo rural é unha parte importante, e vese nos traballos do campo ou nos momentos de lecer. Non é algo moi diferente do que poden ser outras zonas de Galicia algo semellantes.

-Condénsase nunha imaxe a historia dun pobo?

-Si. Unha imaxe pode dicir moito se te fixas nela. Hai ademais ese dito de que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Pero é certo que axuda. De todos os xeitos, todo depende tamén da capacidade de observación que se teña e da sensibilidade para saber ver esa imaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Creo que unha imaxe axuda a entender a historia dun pobo»