Un ensino pioneiro na capital chairega

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

PALACIOS

A Academia Santa María preparaba o alumnado para o Bacharelato e para os estudos de Maxisterio e de Comercio

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na década de 1940, en Vilalba sentíase a necesidade de que a mocidade puidese continuar estudos xa superado o ensino primario que daquela se ofrecía nas escolas. Foi así como naceu a Academia Santa María na que moitos vilalbeses recibiron a educación e instrución que logo lles permitiu abrir o horizontes para a súa incorporación ao mundo aboral. Fieis ao vivido hai cincuenta ou sesenta anos, algúns dos daquela rapaces e rapazas reúnense para recordar tempos idos e experiencias vividas.

Como a memoria é selectiva, convén ir aos papeis que se puideron conservar. Porque o quixo así a Fortuna, documentamos o que sucedía na academia de Vilalba nos cursos de 1957-58 e 1958-59. Nacera en 1950 e emprazárase na casa nº 11 na daquela rúa das

Hortas, inicio da estrada a Betanzos. Tivo actividades ata 1966-1967, cando se puxo en marcha o instituto de Ensino Media, que foi dotado de amplos espazos e onde, polo menos en teoría, impartía docencia profesorado de titulación idónea.

Convén recordar que nas academias ofrecíase docencia ao longo do curso e que en chegando xuño había que validar o aprendido nos institutos, nun único exame por materia. Superados os cursos, ían completándose estudos e obtíñanse titulacións. Na Academia Santa María preparábase o alumnado para o Bacharelato elemental e superior, o Maxisterio -ao que se accedía despois do bacharelato elemental- e os estudos de Comercio. Xeracións de vilalbeses recordan con luces e sombras aqueles tempos nos que se lles ofreceu o que se puido para completar os niveis medios da súa educación e instrución. Cincuenta anos despois, moitos queren mirar para épocas idas e reflexionar sobre o transcorrer da vida.

 Cursos 1957-1958 e 1958-1959

Por ser a deusa Fortuna favorable, de recóndito lugar chegaron ás nosas mans uns documentos referidos á vida diaria da academia Santa María nos cursos 1957-1958 e 1958-1959. Pola documentación atopada podemos saber o seguinte:

Profesorado. En febreiro de 1958 figuraba como director, e docente, don Adolfo Pato, párroco de Santa María de Vilalba. Eran o resto do profesorado dona Rosario Pérez Infante, don Daniel Ferreiro Álvarez, don Cándido Cascudo Ramudo, don Francisco R. Felpeto e don Félix Marín Mesones. Don Antonio Paz Cabo encargábase da portería e de certa orde no alumnado. Importaron as nóminas daquel mes 10.700 pesetas.

Alumnado. Por un cadro de control dos pagamentos, obsérvase que eran 82 rapaces e rapazas as que se agrupaban en distintos niveis de preparatorio de ingreso, cursos de bacharelato, maxisterio e comercio. Algúns recibos presentan descontos, poida que por seren de familias numerosas.

Custes. Os alumnos pagaban segundo o número de materias e modalidade na que se matriculaban. De 1957-1958 dispoñemos dos datos que se reproducen. En xaneiro de 1958 os recibos postos ao cobro ascendían a 11.985 pesetas, o que supón que restaban 1.285 para atender gastos luz, reparacións, material escolar... O alugueiro da casa andaba polas 200 pesetas ao mes, que se lle pagaban a dona Lucinda Silveiro Álvarez, residente en Madrid.

En outubro de 1958, por coñecer que se pretendía a venda do edificio, os responsables da academia ofreceron 125.000 pesetas polas instalacións, un diñeiro que equivalía nas feiras da época ao cueste de 417 pares de capóns ou a 625 años ou a 63 cochos de 70 kilos.

 Honorarios

As clases. No curso escolar eran de mañá e tarde de luns a sábado, ambos incluídos. No verán de 1958 iniciábanse ás 9 horas e remataban ás 14. Naqueles tempos o auxilio dos rapaces en traballos do campo era norma e, agás excepcións, durante o estío non asistían os aprobados de xuño.

Organización escolar. O alumnado agrupábase segundo o curso de matrícula. En grupos pequenos un único profesor atendía dous ou máis niveis nunha mesma hora e aula. Contemplábanse uns tempos de permanencia, especie de estudo no que se impartían explicacións complementarias ou no que se aclaraba o xa tratado.

Memoria final. De 1958-1959 consérvase unha memoria final que director e secretario accidental asinan a 14 de outubro de 1959. Pola mesma sabemos varias cousas. Por unha banda, incorporárase como profesora dona María del Carmen Peña Rodríguez. Por outra, os 113 alumnos e alumnas dese ano académico agrupábanse do seguinte xeito: en preparatorio e ingreso de Bacharelato, 30 alumnos; en primeiro de Bacharelato, 26; en segundo, 15; en terceiro, 15; en cuarto; 14; en quinto, 2; en sexto, 1; en Maxisterio, un total de 8 entre ingreso e outros cursos; en Comercio de terceiro e cuarto, 2.

Canto a alumnos de ingreso, 10 deles fixeron as probas de xuño e aprobaron todos; en setembro foron 7 e tamén aprobaron todos. Na reválida de Grao Elemental aprobaron 5 alumnos en xuño e 2 en setembro. Entre todos os cursos de bacharelato, maxisterio e comercio obtivéronse 491 aprobados, 83 notables, 31 sobresalientes e 3 matrículas de honor.

Polo seu aproveitamento, aplicación e comportamento, a academia concedeu diplomas a Lucía Castro Río, de ingreso; Nelly Cillero Hermida, José M. Fraga Pita, Ramón Rey Guerreiro e José Vidal Meilán, de primeiro ano; Antonio Paredes Paz, de segundo ano; Mª del Pilar González Dovao, Francisca Gayoso Rey e Eladio González Dovao de terceiro ano; José Manuel Rodríguez Bouza de cuarto e reválida.

Con cargo á propia academia concedéronselle, pola aplicación e esforzo, becas a dúas alumnas e media a outro alumno. As becas continuarían no curso seguinte. Como complemento da materia de educación física creouse un equipo de fútbol, que se denominou Estudiantil e que participou nun campionato local. Mostrábase intención de dar continuidade a esta actividade.

 Boletín

Entre os papeis rescatados destaca un folleto de oito paxinas editado pola academia con data de xaneiro-febreiro de 1955: Aula. Boletín editado por la Academia-Colegio Santa María (Ano I. Número 2). Na primeira páxina, a xeito de editorial, reflexiónase sobre a necesidade da cultura. Na segunda Daniel Ferreiro, subdirector do centro, trata das aptitudes e vocacións. Na terceira Paulino García Seco, alumno da Escola de Peritos Agrícolas de Madrid, diserta sobre a oliveira e o seu cultivo.

Na cuarta e quinta don Adolfo Pato Bernárdez, cura párroco e director, divulga a figura de santo Tomás de Aquino, patrón dos estudantes. Tamén na quinta, hai unha reflexión sobre a necesidade de retomar as excursións de finais de curso que se viñan realizando.

 Himno

Na sexta Carlos Luís Ferreiro rememora con morriña a terra galega. Na sétima José Marín, alumno de primeiro curso de maxisterio, dá a coñecer unha composición poética de carácter romántico denominada Atardecer. Na oitava reprodúcese o texto do himno da academia, debido á pluma de Carmen Prieto Rouco, e cítase que a música era da autoría do mestre Pérez Ramírez.