Carlos Cazón: «Imos optar por proxectos que melloren as competencias dixitais e en idiomas»

O novo director do instituto Lucus Augusti di que quere manter os valores históricos do centro, que xa celebrou o seu 175 aniversario, e potencialos


lugo / la voz

Aínda moi recente a celebración do seu 175 aniversario, o instituto Lucus Augusti estrea director. Carlos Cazón Rivas (Vilalba, 1969) acaba de tomar posesión do cargo, no que substitúe a Juan Carlos Fernández Naveiro. Co resto do equipo directivo, prepara proxectos para o próximo curso, estuda as necesidades de mellora no histórico edificio do que foi instituto provincial e programa, ata onde é posible a estas alturas do ano, o próximo curso. Cazón ten tamén no seu currículo unha etapa de experiencia sindical. Entre ás súas pretensións como responsable do instituto sinala a de impulsar proxectos educativos que melloren as competencias dixitais dos alumnos.

-Vostede foi estudante no instituto Basanta Silva e o seu anterior destino como profesor foi no Fonmiñá, na Pastoriza...

-Si. Eu son de Vilalba e estudei no instituto Basanta Silva desa vila. Despois fixen Enxeñería Agrónoma, en Lugo. No ensino levo vinte anos; son profesor de Tecnoloxía. E empecei como profesor neste instituto, no Lucus Augusti; por iso é algo moi especial para min asumir agora a dirección deste centro.

-¿Que o levou a optar á dirección?

-Pareceume unha oportunidade tanto no persoal como no profesional. Por un lado, como xa dixen, porque foi onde empecei a traballar; por outro, por formar parte dun instituto con tanta historia como este, que ten 175 anos e singularidades como unha biblioteca histórica, un arquivo histórico e un museo. Iso é algo que no teñen a maioría dos institutos.

-A grandes rasgos, que obxectivos se marca, que proxectos ten para este centro?

-A miña idea é manter os valores históricos deste centro e potencialos. Noutra liña de traballo, imos optar por proxectos educativos que supoñan melloras nas competencias dixitais e de idiomas.

-A que proxectos se refire?

-Xa temos presentada a solicitude para conseguir E-Dixgal, que ven substituír ao anterior Abalar. De conseguilo, suporía dotar aos rapaces de primeiro e de segundo de ESO de ordenadores que poderán levar para a súa casa e usar o libro dixital. Por outro lado, queremos conseguir o STEMbach, que é un bacharelato de excelencia para potenciar as ciencias e a tecnoloxía. Neste caso, estamos tramitando a correspondente solicitude.

-Este instituto participa en proxectos Erasmus...

-Si, a través dos dous ciclos que temos: un de operacións de laboratorio e outro de análise e control de calidade. A participación en Erasmus é algo que se vai manter e impulsar na medida do posible. En canto a actividades extraescolares, imos seguir cos intercambios con Dinamarca e Alemania, e intentaremos algún máis.

-Dispoñen do material que necesitan?

-Pódese dicir que si. Tamén por ter os dous ciclos dos que falei antes temos bastante material. Con respecto aos ciclos quero dicir que os rapaces que os superan teñen unha porcentaxe moi alta de integración no mundo laboral.

-Teñen tamén Bacharelato de adultos...

-O Lucus Augusti é o único centro de Lugo que ten Bacharelato de adultos presencial. Sen ser presencial, tamén o hai en Albeiros.

«Empecei como profesor neste instituto; por iso é algo especial asumir a súa dirección

«A participación en Erasmus é algo que se vai manter e impulsar na medida do posible»

«A integración laboral dos rapaces dos ciclos é porcentualmente moi alta»»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Carlos Cazón: «Imos optar por proxectos que melloren as competencias dixitais e en idiomas»