«A formación dos ciclos axústase á sociedade máis ca a da universidade»

Alfonso Villares, orientador no IES Peña Novo, afirma que esa formación deu un salto de calidade coas reformas de hai anos


VILALBA / LA VOZ

Remata un curso; remata a formación de alumnos, que teñen que afrontar novas situacións nos estudos ou na procura dun traballo, e remata tamén unha etapa para algúns profesores: Alfonso Villares deixa o IES Peña Novo, de Vilalba, e o seu vindeiro destino será o CIFP de Imaxe e Son, na Coruña. Cando chegou ao instituto, aínda existía a oferta de Formación Profesional, substituída despois polos ciclos formativos de grao medio e superior.

-Era a Formación Profesional a parente pobre do ensino?

-Daquela, si; e o perfil do alumnado, moi distinto ao de hoxe. Eran grupos numerosos, cunha gran parte de alumnos que non tiveran éxito antes.

-Corrixiuse a situación coa chegada dos ciclos?

-Si. Os ciclos foron un salto de calidade, polo deseño e pola reforma que se lle deu á Formación Profesional.

-Que se dá nun ciclo? Dáse formación e atópase traballo ou dáse formación que axuda a atopar traballo?

-En calquera traballo, hoxe necesitas unha formación específica. Sempre vas necesitar unha formación para incorporarte; pero a formación dos ciclos axuda, porque está máis axustada á sociedade ca a da universidade: é a que mellor responde ás necesidades do mercado laboral. Pero non se pode pensar que o levas todo aprendido; tes que formate de xeito continuo. Nos ciclos, cada certos anos, hai unha actualización dos currículos. A clave é a duración dos ciclos: quizais habería que darlles un axuste; nalgúns casos, en lugar de dous anos, deberían ser tres.

-Son os alumnos que se matriculan nos ciclos conscientes do contido que hai neles?

-Si. Veñen porque saben que hai unha alta inserción. Os que queren incorpóranse; e se máis alumnos houbese, máis se incorporarían. Hai que salientar que os titulados dos ciclos teñen unha inserción máis alta ca as dos licenciados universitarios.

-Dignificáronse os oficios con eses cambios na educación?

-Si, sen dúbida; e todo, en 20 anos. Pensemos que hoxe os ciclos están cheos de xente que ten o bacharelato ou estudos universitarios e que acode porque sabe que hai unha formación que lle interesa e unha formación motivadora, que lle dá o que non atopa na universidade.

-Responden os ciclos ás necesidades sociais de hoxe?

-Si. A clave é a súa actualización: uns desaparecen, e outros nacen. En Galicia, por exemplo, hai unha familia de ciclo da enerxía e da auga: é novo; non existía hai cinco ou seis anos. Aquí, en Vilalba, o ciclo de atención a persoas dependentes [este foi o primeiro curso de funcionamento] tamén responde ás necesidades. É fundamental adaptarse ás circunstancias; a universidade é moito máis lenta nese proceso. O que falta é que na sociedade siga a calar a mensaxe de que os ciclos son unha educación sólida, porque o son. Pero xa é unha cuestión da sociedade. A máxima aspiración das familias, quizais por razóns históricas, é ter algún universitario; hoxe non ten sentido, porque despois hai que reorientalos para que atopen inserción no mercado laboral.

A importancia dunha oferta que se adapte ás necesidades da contorna

Villares cre nunha comarca como a Terra Chá hai os ciclos necesarios: «Son -di- ciclos que se axustan ás necesidades dos sectores productivos, e a inserción así o amosa, o cal non implica que non poda haber outros: por exemplo, o ciclo superior de automoción sería perfecto [o IES Peña Novo ten un ciclo medio desa especialidade], e o de mantemento industrial, tamén: de feito, hai xente que vai a Cedeira ou a Sarria porque non o ten aquí».

«Outra cuestión, se a Administración é valente, é que haxa ciclos rotatorios. Que significa? Impártese un ciclo catro ou cinco anos; satúrase, co cal xa non é viable, e logo impártese outro, da mesma familia ou doutra, porque así a xente non tería que ir ás cidades», engade.

 «Os retos docentes de hoxe non teñen nada que ver cos que había cando eu cheguei aquí»

Un ciclo formativo dá facilidades para atopar un traballo; pero se falamos de ensino, certas cuestións, que afectan á persoa en xeral, tamén están presentes.

-Nun ciclo fórmanse profesionais ou tamén se forman persoas?

-Toda formación é integral. Pero esta formación é profesionalizada; a formación máis integral dáse na ESO ou no BAC, o cal non implica que aquí non se traballe na formación en valores. Os retos docentes de hoxe non teñen nada que ver cos que había cando eu cheguei aquí. Antes había que orientar a nivel educativo e profesional; hoxe todo iso mantense, pero está tamén a xestión da convivencia dos grupos, da socialización nas redes... O labor docente é complexo e estresante.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
0 votos
Comentarios

«A formación dos ciclos axústase á sociedade máis ca a da universidade»