Máis de 130 alumnos participaron na XI Olimpíada Tecnolóxica na Politécnica

La Voz

VILALBA

cedida

Celebrouse na Politécnica e xa hai equipos gañadores

29 may 2018 . Actualizado a las 22:21 h.

A Escola Politécnica acolleu a XI Olimpíada Tecnolóxica, co título de «Imaxina, investiga, descubre, enxeña». Participaron alumnos de Cervantes; do Gregorio Fernández, de Sarria; do Leiras Pulpeiro (Lugo); de Seoane do Courel; de Castroverde; do San Tomé de Carballo (Taboada); e do IES Pedregal de Irimia (Meira).

En 2.º da ESO gañou o equipo «Engrenaxe», composto por Iago Durán, Lucía Cortón, Claudia Gallego, Abdellah Amanchar, Amelia Pérez, Carla Rodríguez e Adán García.

De 3.º da ESO gañou o equipo «Freeware», composto por Helena Silva, Iago Gómez, Lucía Portela, Jesús Fernández, Eros López, Laura Suárez e Andrés Arias.

De 4.º da ESO venceu o equipo «Transistor», formado por Jennifer Fernández, Iván Fernández, Pablo Pin, Manuel Díaz e Cecilia Moure.

Os gañadores tiveron que superar unha fase virtual entre xaneiro e maio e unha presencial, que foi onte.

A actividade, que arrancou hai once anos da man dun grupo de catro profesores, segue medrando.

A experiencia piloto coa que arrancou o proxecto celebrouse no Cebreiro e participaron os alumnos dos centros organizadores: Uxío Novoneyra, de Pedrafita; CPI de Cervantes; IES Leiras Pulpeiro, de Lugo; e CPI Virxe dos Remedios, de Castro Caldelas.

Preto de 130 alumnos participaron na última olimpíada, que tiña como obxectivo desenvolver a capacidade de establecer relacións co medio físico de xeito responsable e saudable; presentar problemas tecnolóxicos que contribúan a desenvolver a autonomía e iniciativa persoal; fomentar o emprego da tecnoloxía como ferramenta de traballo e vehículo de divertimento; afianzar habilidades sociais; e fomentar a riqueza do patrimonio cultural e lingüístico galego.

A olimpíada tecnolóxica comezou ás 11 da mañá, coa entrega de material. Os premios entregáronse a primeira hora da tarde, antes de iniciar as actividades na Politécnica, cun taller de mecanización e coa canle simuladora de ondas.

Ao remate da olimpíada realizaron unha ruta de sendeirismo pola ribeira do Miño.

Venres, sábados e domingo de xuño, de xullo e de agosto • Praza de Santa María, praza da Constitución, praza do Coronel Pena, praza de San Xoán • Asistencia de balde • O ciclo Música na praza ten continuidade en Vilalba. Organizouno o Concello por primeira vez o ano pasado, e promóveo de novo agora, con 21 actuacións previstas para os tres vindeiros meses. A primeira terá lugar o venres -praza de Santa María, oito e media da tarde-, coa presenza do trío de guitarras do Conservatorio de Vilalba. A derradeira está programada para o 18 de agosto -na praza do Coronel Pena, oito e media da tarde-, con Cantigas e frores.

Venres, sábados e domingos son os días elixidos para o ciclo. Así, este sábado -praza da Constitución, dez da noite- actuará o grupo Tundal, e o domingo -praza da Constitución, unha da tarde- a Charanga de Vilalba. O Conservatorio e o Centro Cultural e Recreativo colaboran co Concello.