«¿Repetir de candidato? Non teño unha decisión tomada»

La Voz

VILALBA

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro de catorce ou quince meses haberá eleccións municipais. Aínda non se fala abertamente de nomes, o cal non significa que non se dean xa pasos pensando no ano que vén.

-¿Tense falado do candidato en Vilalba para o 2019?

-Aínda non están decididos os das grandes cidades [Ri]. Tampouco coñezo os dos outros partidos. É como os adestradores de fútbol que agachan a aliñación. Chegado o momento, o partido decidirá quen ocupa esa responsabilidade.

-¿Repetirá como candidato?

-Non teño tomada unha decisión nese sentido.

-¿Cansan os anos na alcaldía? ¿Adquírese unha experiencia para reaccionar con serenidade diante de problemas que poden inquietar a un recén chegado ao cargo?

-A vida municipal está presidida en gran parte pola inmediatez. Os problemas son case sempre individuais, o cal trae unha presión forte sobre o alcalde. É certo que en casos de moito tempo hai cansazo; pero a actividade municipal tamén se retroalimenta e se compensa polas situacións novas: é unha vida de adaptación permanente. O que si se nota é que a relación coa xente, no persoal, é igual: a xente quere atención do alcalde aos seus problemas; pero hai na xente unha conciencia máis forte dos seus dereitos e un nivel de esixencia máis alto.

-¿Son máis tensos os debates nos plenos ca na súa anterior etapa?

-Quizais, na anterior etapa, había unha tensión política, cun nivel de discusión que, me parece, era máis duro. Na oposición había voces como [Xosé Manuel] Irimia [BNG], Carlos Gómez Osa [BNG] ou Martín [Seco Cendán, PSOE] dun alto nivel político. Non digo que os de agora non a teñan: [Félix] Jorquera [BNG], Modesto [Renda, Vilalba Aberta]; no PSOE, Elba [Veleiro], Eduardo [Vidal], Luis [Fernández]... Pero parece que buscan máis o desgaste do alcalde ca o debate. Con Martín [Seco Cendán] tiven discusións durísimas, pero sempre puxemos por enriba de todo os intereses do Concello.