«O fútbol é marabilloso, é a posibilidade de lograr algo imposible»

O vilalbés Francisco Corredoira lembra que chegou ao deporte profesional polo esforzo, sen ter destacado de rapaz


LUGO / LA VOZ

A vida deportiva de Francisco Corredoira semellábase á doutros moitos rapaces. Xogaba no Rácing Vilalbés, co que ascendera de Preferente a Terceira División; fichou polo Compostela B, co que podía compaxinar mellor o deporte coa carreira universitaria... Pero chegou o novo século, e cambioulle a vida dunha maneira que non tería marcha atrás e que marcaría os anos seguintes.

Debutou co primeiro equipo do Compostela, no que coincidiu con Vlado Gudelj, con Fabiano Soares ou con Nacho, que coñeceran o mundo da Primeira División. «Para min, imaxina, o cambio é brutal: de xogar para pasar o tempo ao profesionalismo. Cámbiache a vida; tes que priorizar: escollín o fútbol», di. Nese novo mundo coñeceu os sabores amargos e doces do fútbol, pois o Compostela baixou a Segunda B e volveu subir. No mesmo grupo da promoción de ascenso estaba o filial do Barcelona, que daquela tiña rapaces prometedores: Andrés Iniesta, Tiago Mota ou Víctor Valdés eran algúns deles.

As satisfaccións deportivas, porén, convivían co duro contraste das dificultades económicas: os xogadores pasaron unha temporada sen cobrar, e malia iso conseguiron rematar a liga no sétimo posto. Corredoira deixou Galicia. O Eibar -onde coincidiu con David Silva, hoxe no Manchester City, e con Gorka Iraizoz, hoxe no Girona, entre outros- foi o seu seguinte destino; logo chegarían o Numancia e o Rácing de Ferrol.

-¿Que importa no fútbol? ¿Hai que ter talento ou esforzarse?

-Primeiro tes que ter un don: que Deus che dea algo de talento. Pero o 80% está no teu esforzo diario. Por iso tantos rapaces con talento non chegan arriba. Eu xoguei uns 140 partidos en Segunda División e uns 70 ou 80 en Segunda B. Era un rapaz normal, que a base de esforzo foi chegando arriba. Non fun a ningunha selección galega de categorías inferiores; vivín por e para o fútbol; sacrifiquei a miña vida polo fútbol. Non había outra cousa.

-¿Paga a pena ter feito todo ese esforzo?

-Si, sempre. Son competitivo. Cada día no que me ergo é unha ilusión; hai que vivir o día a día. ¿Como non vou lembrar eses momentos marabillosos, a xente que coñeces, o poder xogar en campos con 40.000 ou 50.000 espectadores? É un recordo para toda a vida.

-¿Que dá o fútbol? Non todos os xogadores teñen vidas de luxo.

-A xente, dende fóra, pensa: ‘Que sorte ten ese: xoga no [Real] Madrid, gaña millóns...’. Eu preguntaríalle: ‘¿Sería vostede capaz de soportar a presión onte, ás nove menos cuarto da noite?’ [A esa hora comezou, o pasado mércores, o partido Real Madrid-PSG da Liga de Campions, e a conversa tivo lugar o xoves]. O fútbol dá personalidade, fortaleza mental; na vida axúdache, porque che permite soportar momentos difíciles con enteireza.

-Tendo en conta só as estatísticas das súas cidades, o Eibar ou Numancia nunca poderían chegar tan arriba. ¿Como se compite nun equipo modesto contra os grandes?

-O fútbol achega máis a competitividade ca outros deportes. Iso fai que sexa tan entretido. A xente veo como un desafío e veo posible.. O fútbol é absolutamente marabilloso; é a posibilidade de lograr algo imposible. Eu non podo competir coa miña empresa contra ACS. Detrás dun equipo modesto hai moitas horas de esforzo, de traballo que non se ve.

«O teu traballo é cubrir no domingo o tempo libre dos que traballan pola semana»

Non é a primeira vez que un rapaz marcha da casa para xogar nas categorías inferiores dun equipo grande e acaba volvendo; ás veces, nesa decisión inflúen máis as circunstancias persoais ca as deportivas.

?¿Que supón marchar da casa tan novo?

?Esa é a clave. Marchei a Eibar con 22 anos. Non podía vir á casa unha fin de semana. Hai que convivir con iso, adaptarte e non afundir. Esa é a parte do desenvolvemento da personalidade que dicía antes. Tamén é a clave pola que rapaces que marchan a Madrid ou a Barcelona acaban volvendo, porque non soportan esas circunstancias de soidade que che plantea a vida.

?¿Hai moita relación entre os xogadores que coinciden nun equipo modesto?

?Si. En Eibar foi onde máis notei iso. Eramos un grupo moi unido; en Ferrol, tamén.

?¿Chégase a ser un ídolo local cando se xoga no equipo dunha cidade pequena?

?Sempre. Se hoxe foses a Eibar comigo, verías que me pararían pola rúa e me preguntarían como me vai. Vas pola rúa, e a xente coñécete, para o bo e para o malo. Hai que convivir con iso con naturalidade e saber que é o teu traballo: cubrir o tempo libre, no domingo, da xente que traballa toda a semana. É cuestión de afacerse. O máis difícil, para un futbolista, é aceptar as críticas dos xornalistas e dos afeccionados.

?O Rácing Vilalbés leva anos competindo ben. ¿Cal é a clave desa traxectoria dende o seu punto de vista?

?Dende hai anos, cada un traballa ben na súa faceta. Se non hai orde na oficina, no verde non se rende. Esa é a clave do clube, a seriedade. Non hai na provincia, agás o Lugo, un equipo con máis seriedade. Se o clube cumpre cos xogadores, os de fóra veñen a Vilalba.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O fútbol é marabilloso, é a posibilidade de lograr algo imposible»