«Aprendín moito nas barberías, zapaterías e tabernas, as universidades do saber vilalbés»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

PALACIOS

«Sempre fun un namorado da historia, sobre todo da medieval», recoñece o autor do libro

10 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Ferreiro, vilalbés da colleita do ano 1961 e da Porta de Cima, presenta o venres -Casa da Cultura, oito e media do serán- a novela ...De cando as pedras falaban, que edita o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha). Un peregrino medieval chega a unha vila e... Ao lector correspóndelle averiguar o resto, e para iso abóndalle con mergullarse nas páxinas do libro. É a primeira novela do autor, que tamén ten escrito algún conto e algún poema.

-Como xurdiu a idea?

-Sempre fun un namorado da historia, sobre todo da medieval e de toda a relacionada con Santa María de Montenegro. Tamén influíu o meu traballo, porque traballo no castelo dos Andrade [é empregado do Parador], e ás veces, a grupos e a colexios, explícolles a historia da fortaleza.

-Por que escolleu a Idade Media para ambientar o libro?

-É a miña paixón. Botei moitas noites na morada máis antiga da vila, e iso inspiroume.

-Que misterios por contar aínda agacha Vilalba?

-Non teño oído moitas lendas de Vilalba. Hai a lenda de que se botou un galo na cova do Rei Cintolo [situada en Mondoñedo]e chegou ao castelo de Vilalba. Sería o galo do capitán Andrade, o derradeiro, o máis famoso, Fernando de Andrade. O galo cantou; téñollo oído a un vello. Tamén hai a lenda dun pasadizo do castelo ao río, por onde se levaba aos cabalos beber. Aprendín moito das tres universidades do saber vilalbés: barberías, zapaterías e tabernas.

Lecturas e misterio

O libro non recrea feitos concretos do pasado de Vilalba, aínda que o autor recoñece que ten lido traballos de autores variados, de Mato Vizoso a Xosé Antón Pombo pasando por Antonio Peña Novo. A novela móvese máis ben nun clima de misteiro,  con personaxes que quizais non sexan realmente o que se supón que son (un falso cego, un coxo, un que semella ter a cabeza algo ida...). A ese ambiente chega un peregrino, que ademais atopa outro personaxe, unha muller da vila recén volta á súa terra de orixe, que lle contará cousas do lugar.

Na presentación do venres, ademais do autor, interveñen Ángel Campos e a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, Marisa Barreiro.