«Hai quince anos que non tocamos en Vilalba e temos ganas de volver»

Laura López LUGO / LA VOZ

VILALBA

cedida

A mítica banda folk, que leva 30 anos sobre os escenarios, ofrece un concerto o venres no auditorio Carmen Estévez

13 nov 2017 . Actualizado a las 10:11 h.

A historia da música galega non soaría igual sen Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk en Galicia e quizais a máis internacional. Trinta anos sobre os escenarios avalan o traballo desta formación musical que continúa inmersa na xira do 30 aniversario. Trátase dun espectáculo emotivo, de calidade e cheo de sorpresas que o próximo venres chega a Vilalba. O concerto terá lugar 20.30 horas no auditorio.

-Hai tempo xa que non paraban pola Terra Chá...

-Si que hai tempo, estivemos por Lugo, Mondoñedo... pero a Vilalba non iamos desde hai máis de quince anos e tiñamos moitas ganas de volver, estamos encantados de volver tocar a Vilalba.

-¿Terá algo de especial o concerto en Vilalba?

-Será un concerto emocionante de máis de dúas horas cun recorrido pola nosa traxectoria musical. Sacamos unha recompilación especial, diferente, con temas «agochados» que non resaltaron no seu momento, e tocarémolos. Non faltarán os clásicos como O son do ar, Chove en Santiago... Pero tamén música descoñecida, lírica, épica e festeira. Ademais, en Vilalba teremos como artista convidado a Xermán Díaz, un zanfonista valisoletano que agora reside na Terra Chá.

-¿Como está sendo a xira?

-O 80% dos concertos son fóra de Galicia, así que para nós é moi emocionante volver á casa. Galicia é moi grande, pero á vez moi pequena. Desde 1997 tocamos sempre moi regularmente, o noso proxecto é de non parar, de crear continuamente, así que abrimos moito territorio cara o exterior, e está tendo bo resultado, a xente responde á nosa música. Tocamos na Bretaña, en México... Esta sendo un ano moi produtivo porque ademais estamos traballando tamén no próximo disco.

-¿Como evolucionou Luar na Lubre nestes trinta anos?

-Evolucionamos como persoas e como grupo. Funcionamos internamente moi ben e temos moita enerxía; de feito, estamos gravando o traballo 18, cunha media dun disco cada dous anos. Non hai ningún grupo europeo que funcione así. E iso é a base de traballo, constancia, saber evolucionar, adaptarse aos tempos e tamén á boa resposta popular.

-¿E como lle foi á música galega nestas últimas tres décadas?

-Cambiou moito. Desapareceron as subvencións para a música e non hai apoio ningún. A nivel artístico, a música galega está no seu mellor momento, pero paradoxicamente os músicos viven unha situación precaria, con poucas posibilidades de tocar e é difícil resituarse. Por todo iso é máis común hoxe en día que haxa bandas pequenas, de menos gasto; quedan poucas bandas grandes como a nosa.

-¿Cando sairá ao mercado o próximo disco?

-Está previsto que sexa en maio. Trátase dun disco moi conceptual, inspirado na Ribeira Sacra, un dos lugares máis máxicos de Galicia, sen dúbida, un lugar único no mundo. Eu ademais teño antepasados en San Pedro de Roca, e teño un sentimento moi grande por esa zona. No disco resaltamos todo iso, a parte sacra, lendaria... A idea é que sexa un libro-disco.

DATOS ÚTILES

n O concerto. Venres 17 ás 20.30 horas no auditorio Carmén Estévez de Vilalba. Entrada: 15 euros.

n Compoñentes do grupo. Agora fórmano Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfona), Belém Tajes (voz), Antía Ameixeiras (violín), Patxi Bermúdez (Bodhran, tambor, djembé), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos) e Xan Cerqueiro (frautas).