O Goberno da Deputación levou nun ano 1,7 millóns de euros a Vilalba para mellorar os seus servizos públicos

La Voz

VILALBA

Campos Conde e Baamonde Díaz supervisaron os traballos levados a cabo polo organismo provincial no vial que vai de Ponte Trimaz a Gondaisque, de Cruz a Ponte de Pazos, nas rúas da Revolta, Mestras Amelia, Sagrario, Corbite, Mondoñedo e Ponte Cabalos

01 nov 2017 . Actualizado a las 14:21 h.

O Goberno da Deputación investiu 1.700.000 euros nun ano na mellora da calidade de vida dos 15.000 veciños de Vilalba. Así o informou o Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, durante unha visita ao municipio en datas pasadas, na que estivo acompañado polo Alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde Díaz. Campos Conde explicou que con este investimento acondicionáronse múltiples vías en núcleos rurais, dotouse de novo alumeado público ao Campo da Feira, prestóuselle atención profesional a ducias de maiores e xeráronse máis dunha decena de novos empregos.

O Executivo Provincial achegou 567.000 euros durante un ano, para mellorar varios camiños do Concello de Vilalba. Concretamente, foron os accesos de Camiño do Sixto ao campo de fútbol de Guadalupe, de Ventorro á igrexa da parroquia de Sancovade, da Parroquia de Goiriz a Samarugo e a Román, e da Parroquia de Rioaveso a Oleiros, beneficiando directamente aos máis de 2.000 veciños que viven nestes núcleos urbanos.

Campos Conde e Baamonde Díaz supervisaron os traballos levados a cabo polo Goberno Provincial no vial que vai de Ponte Trimaz a Gondaisque, de Cruz a Ponte de Pazos, nas rúas da Revolta, Mestras Amelia, Sagrario, Corbite, Mondoñedo e Ponte Cabalos. As obras benefician a unha gran parte da poboación vilalbesa, xa que son estradas moi transitadas, pois están próximas ao ambulatorio e as zonas de influencia do campo de feira.

Melloras de 177.000 euros en 3 estradas provinciais

Durante un ano, o Goberno da Deputación, financiou con 177.000 euros, arranxos en 3 estradas provinciais que transcorren polo municipio vilalbés. En concreto, foron melloras de 100.000 euros, na LU-P-6513 dende Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampa a Xermade, unha vía de comunicación prioritaria na Terra Chá, pois une aos Concellos de Vilalba e Xermade. A segunda vía provincial mellorada foi a LU-P-6502, que une Vilalba con Chavín por a Balsa. Foron outros 50.000 euros, para acondicionar case 1 quilómetro da estrada, que se corresponde coa travesía do Adro de Lanzós. A terceira estrada provincial que o Goberno da Deputación decidiu renovar, foi a LU-P-6512 de Vilalba, entre as Parroquias de Goiriz e Román.

Máis melloras en dotacións públicas

O Goberno da Deputación achegou 46.500 euros durante un ano a melloras en dotacións públicas de Vilalba. Foron 45.000 euros para a instalación de 138 puntos de luz LED no Campo da Feira, situado no centro do municipio, o que supón un aforro de 12.000 euros para o Concello. Outros 1.500 euros, para a adquisición de novo mobiliario na Biblioteca municipal e para o acondicionamento da Casa da Cultura.

380.000 euros en novos postos de traballo

Campos Conde explicou que nun ano o Goberno da Deputación investiu en Vilalba 380.000 euros, cos que se xeraron un total de 28 novos postos de traballo: 16 no 2016 e 12 este ano. Estes novos empregos creáronse a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, pois o Executivo Provincial asume os custos laborais de novos profesionais para traballar en empresas da zona e no propio Concello, reforzando os servizos públicos municipais. Por exemplo, a través do DepuEmprego contratáronse 3 peóns de obras públicas, 1 conserxe, 1 informático e 1 administrativo.

Máis de 300 prazas de SAF e Teleasistencia

O Executivo Provincial destinou nun ano 118.000 euros á prestación do Servizo de Axuda a Domicilio para non dependentes e da Teleasistencia gratuíta en Vilalba, xerando 313 prazas. Actualmente, o Goberno da Deputación ofrece estes servizos a 136 maiores deste municipio, aos que non atende a Xunta, a través da contratación de asistentes sociais, que prestan máis de 16.000 horas de atención, á espera de posibles altas.

Dinamización cultural, turística e deportiva

O Goberno da Deputación achegou a Vilalba durante un ano 160.000 euros á celebración de actividades culturais e deportivas, ademais de eventos turísticos. Este orzamento permitiu organizar o Festival Internacional do Folclore, promocionar o deporte base a través das Escolas Deportivas Municipais ou a celebración de diferentes actividades como a Semana lúdico-cultural infantil ou o Certame literario, entre outros moitos eventos.