«O Chufón», obra literaria capital

manuel calvo CEN ANOS DA MORTE DE JESÚS RODRÍGUEZ LÓPEZ ESCRITOR E MÉDICO LUCENSE (13)

VILALBA

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa dixen nalgún momento que a comedia O Chufón e Supersticiones de Galicia son as obras literarias consideradas capitais na producíon literaria de Rodríguez López.

O Chufón (O Chufón /Comedia de costumbres gallegas/en dos actos y en prosa./Con escenas calcadas/ sobre un trabajo literario de igual nombre de/José M. López Castiñeiras. Jesús Rodríguez López. Tip. G. Castro. Lugo, 1915.) consérvase nun manuscrito datado en 1913, imprentouse dous anos despois, en 1915, e finalmente publicada e posta en escea en 1916, converténdose moi pronto en obra polémica pois a idea básica débese a José Manuel López Castiñeira (José Manuel, non José María como erroneamente figura na Enciclopedia Galega (t. 19, páxinas 139-140; Castiñeira, non Castiñeiras como escriben algúns. Nas súas cartas manuscritas el asina claramente sen os). Nado na parroquia de Santa María la Mayor, de Pontevedra, (8-IX-1874), que estudou no seminario de Lugo onde se ordenou presbítero (22-XII-1900), logo foi ecónomo das parroquias de San Martín de Ferreirúa e Ferreiros, na Pobra de Brollón. Pasou un tempo en Lugo á fronte dunha academia ata que, en 1913, marchou a Buenos Aires onde chegou a ser tenente cura da parroquia de San Telmo. Nunca voltou a Lugo.

Castiñeira traballou no folclore da provincia (a súa obra Los suevos en Lugo gañou un premio no certame literario do San Froilán de 1900); investigando o pobo d’A Veneira, entre os concellos da Póbra e Caurel, observou varios dos rasgos costumbristas da zona, entre eles «el eminentemente celta de intervenir en los contratos familiares y matrimoniales una persona, muchas veces ajena y desconocida de las familias de los contrayentes, a la que denominan con el nombre de chufón, costumbre que se conserva en Galicia, lo mismo que en Irlanda y otros pueblos descendientes de la misma raza», di Castiñeira que recolleu abondoso traballo sobre tipos, modismos e costumes que tentou levar ao papel coa maior fidelidade. Con este material escribíu un boceto de comedia nun só acto; mais o acto resultaba moi longo e a obra era moi pequena para dividila en dous. Por iso decidiu publicar o traballo nunha serie de artigos sobre os costumes galegos, pero seus amigos recomendáronlle que o arranxase para o teatro.

Orixinal reformado

Foi así como consultou o caso co noso escritor; acordou que lle entregaría o orixinal xa reformado, para que o modificase ao seu gusto e que o publicase figurando os dous como coautores, responsabilizándose o propio Castiñeiras dun posible fracaso. Pouco despois Castiñeira embarcaba para América.

Así as cousas, comezaron a conocerse noticias d’O Chufón en cuxa portada figuraba tamén o nome de Castiñeira, que Rodríguez López xamais ocultou; probablemente o primeiro xornal en falar a obra foi La Correspondencia Gallega (23-VII-1915), de Pontevedra: Ayer ha llegado a Pontevedra el distinguido médico de Lugo y notable poeta gallego Jesús Rodríguez López… tiene terminada una comedia en dos actos, en gallego, titulada O Chufón que hemos tenido el gusto de leer y que tal vez tenga su primera representación en Pontevedra. Deste xornal tomaron a noticia e a publicaron ad pedem litterae os lucenses El Regional e La Idea Moderna, ambos na mesma data (26-VII-1915). En febreiro de 1916, o día 6, La Voz de Galicia di o que segue: «El laureado poeta regional Jesús Rodríguez López acaba de dar al público una edición de su comedia de costumbres gallegas O Chufón. El autor, con gran modestia califica su obra de ensayo y dice que le gustaría verla en escena para apreciar mejor las circunstancias de un género que nunca cultivó». Da nova faise eco inmediato o Diario de Pontevedra (8-II-1916). Sería interminable dar unha listaxe de novas semellantes ás devanditas polo que deixarei para outro momento o que agora é prescindible. Só referirei a publicación dunha pequena nota no pontevedrés La Correspondencia Gallega (28-IV-1916) na que se le: «La sección de declamación de los Dependientes de Comercio de Lugo organizó un festival. Se verificará el próximo día 30 y se pondrá en escena la preciosa comedia en dos actos O Chufón, original del inspirado poeta gallego D. Jesús Rodríguez López. (O historiador de Abel Vilela, na La Voz de Galicia do 24 de marzo deste ano, afirmaba que a obra sería «estreada en Pontevedra o 26 de abril de 1916». Equivocouse ou leu/interpretou mal calquera noticia neste sentido).

Non foi Pontevedra o lugar onde se estreou a comedia, tampouco foi en ningún lugar da Coruña; por fin o 27 de abril de 1916 (El Regional) anúnciase a estrea d’O Chufón nunha representación teatral que, organizada pola sección de declamación da Sociedad Instructiva de Dependientes de Comercio de Lugo, tería lugar o día trinta, no Círculo de las Artes. Unha vez conseguidas as actrices que habían de representar los papeis femininos -este foi o máis grande problema que Rodríguez López tivo para levar a súa obra á escea ?o reparto, integrado por persoas que traballaban no comercio da capital, foi o seguinte: Carmela, Stª María López; Sabela, Visitación Martínez; María Antonia, Isabel Ramos; tío Mingos Sr. Vilas; Don Camilo, Sr. Fagilde; Manuel, Sr. González Otero; Chufón, Sr. Rodríguez Iglesias; Antón, Sr. Díaz e Ramón, Sr. Doel.

Todas as localidades vendidas e o clamoroso éxito da estrea obrigou a que o autor saíra á escea ao final de cada acto (El Norte de Galicia, Lugo, 2-V-1916); un mes máis tarde volvería a ser representada no mesmo lugar. A obra foi levada á Coruña, Ferrol, Pontevedra, Monforte, Lalín, Fonsagrada, Caldas de Reis, Ponteareas… para tres días antes da súa morte estaba prevista unha representación en Vilalba que, naturalmente, en sinal de loito foi suspendida.

O Chufón foi, durante un tempo, motivo dunha polémica, dura por momentos, acerca da súa autoría, mais definitivamente e mediante a correspondencia cruzada entre Rodríguez López, en Lugo, e López Catiñeira, en Buenos Aires, publicada por min dentro do Estudo Biobibliográfico incluso en O Teatro de Rodríguez López (1988), eu demostrei a propiedade intelectual do primeiro apoiado nos alicerces costumistas do segundo. Para un mellor coñecemento do asunto vid. Calvo López, Manuel. Epistolario a/de Xesús Rodríguez López. Concello de Lugo, Lugo, 2016.

En 2008 saíu á rúa o título El Adulador, edición bilingüe d’O Chufón a cargo de Pablo María Morell, director da Editorial Trymar, de Vigo.

A comedia foi estreada no Círculo das Artes de Lugo o 27 de abril de 1916