Agustín Fernández Paz, gloria literaria con soños de Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

VILALBA

ARCHIVO

Unha mostra de fotos dedícalle unha homenaxe un mes depois do seu pasamento

28 ago 2016 . Actualizado a las 18:05 h.

Un neno do barrio das Fontiñas soña esperto. Antes de que chegue o sono, hai tempo para percorridos que son case soños. Unha colcha de teas e cores distintas, feita pola nai, convértese case nun mapa imaxinario, que lle permite supoñer que ese conxunto de tecidos «era un gran continente con múltiples países». O neno medrou e cambiou a Vilalba natal por outros lugares, pero entendeu algo: «O mundo é como a colcha da miña cama de neno», con teas distintas pero sempre «imprescindibles».

Agustín Fernández Paz (1947-2016) deixou esas impresións nun texto que mandou para o libro do San Ramón deste ano. Morreu en xullo, así que o artigo, ademais de inédito, é póstumo. Nas súas palabras confesa gratitude pola vila: «Non só á miña familia, non só á xente das Fontiñas, senón á xente toda de Vilalba é a quen lle debo o meu galego, pois aquí foi onde aprendín as palabras que serven para nomear o mundo», escribe. Pero convén lembrar que con esa riqueza non foi egoísta senón xeneroso: a lingua converteuse na materia prima coa que sucou un camiño que o levou moi alto, a ser un dos escritores máis coñecidos na Galicia recente e a conseguir fitos como o Premio Nacional de Literatura.

O adulto chegou lonxe, pero non se afastou das orixes nin esqueceu a cama na que aprendera a imaxinar: «Nesa colcha que é o mundo, eu pertenzo ao anaco que se chama Galicia. Traballar na cultura galega é a miña forma de participar na cultura da humanidade», deixou escrito.

Lembrando a Vilalba da nenez, non podían faltar os días do San Ramón, que non dubida en considerar unha «marabilla». «Os foguetes que anunciaban o comezo oficial do día, os gaiteiros percorrendo as rúas, as horas dando voltas polas atraccións que se montaban no Campo da Feira...».

O adulto lembra e asemade agradece. Pero tamén amosa un soño: «... desexo intensamente que os nenos e nenas da vila, e os de Galicia enteira, poidan tamén expresar un agradecemento semellante cando sexan grandes. Así será se somos conscientes da riqueza que posuímos...».

Agora, con Agustín Fernández Paz convertido en memoria, chégalle a Vilalba o momento de lembralo: ocasións non faltan, pois una exposición de fotos inaugurada onte pola tarde no Auditorio Municipal, organizada polo Iescha, dedícalle protagonismo ao escritor. E semella que tamén lle chega á vila o momento de agradecerlle todo o labor de soñar que comezou nas Fontiñas.