Vilalba decórase con Manuel María

VILALBA

Carteis e pancartas instaladas en edificios e lugares públicos lembrarán ao poeta que protagoniza o Día das Letras Galegas

28 abr 2016 . Actualizado a las 14:36 h.

As homenaxes a Manuel María que se están a celebrar en vilas e cidades serán especialmente visibles en Vilalba. O poeta que protagoniza este ano o Día das Letras Galegas será lembrado de maneira gráfica, pois hanse colocar carteis e pancartas por edificios e lugares públicos. Os proxectos foron anunciados hoxe tras unha reunión na que os concelleiros José Antonio Pita e Sandra Vázquez participaron con responsables de asociacións e de centros de ensino.

Ademais, anunciou Pita, hase habilitar un código QR para que se poida acceder dende teléfonos móbiles a traballos sobre o poeta realizados por alumnos vilalbeses, e hanse repartir marcapáxinas elaborados por alumnos do Centro Ocupacional. Por outra banda, actos como o do sábado pasado, cunha lectura de versos, han ter continuidade. Así, para o 8 e o 14 de maio (nos dous casos, no Auditorio ás oito e media da tarde) están previstas cadansúa actuación da coral lucense Solo voces e da cantante Uxía. O 17, como é habitual, terá lugar o festival das Letras Galegas.