O Instituto de Estudos Chairegos pide que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María

Manifesta a súa "satisfacción" pola designación do poeta como homenaxeado nas Letras Galegas 2016

Imaxe de arquivo da Casa da Cultura de Vilalba.
Imaxe de arquivo da Casa da Cultura de Vilalba.
la voz

O Instituto de Estudos Chairegos demanda que a Casa de Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María. Nun comunicado enviado aos medios, a entidade manifesta a súa «satisfacción» diante da designación do poeta como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Sostén que se trata dun «merecido nomeamento que vén recoñecer o seu compromiso coa terra, coa lingua e coa cultura, e a súa categoría moral e humana». «Aproveitamos para reiterar a petición realizada ao Concello hai unha década», sinalan, e argumentan a demanda destacando a «fonda relación que mantivo sempre con Vilalba tanto no plano persoal como na súa faceta de escritor». Nesa liña engaden que Manuel María dedicou unha parte da súa obra á capital chairega e á súa riqueza patrimonial, paisaxística, gastronómica, sociolóxica ou poética. «Estamos a falar do verdadeiro bardo da comarca da Terra Chá, á que cantou coa súa maxistral obra Terra Chá, e porque sobra dicir que foi unha das figuras máis sobranceiras das letras galegas da segunda metade do século XX, que se entregou toda a vida a Galicia e á súa terra natal». O instituto recorda que Manuel María se deixaba caer por Vilalba «sempre que lle era posible». «Tanto para visitar aos seus amigos como para participar en actos culturais», apuntan. Subliñan que «en máis dunha ocasión» demostrou «o seu cariño» pola vila, e mesmo aceptou de bo grado a proposta que lle fixo o Iescha para que o acto do seu ingreso na Real Academia Galega se celebrase en Vilalba. «Para nós a traxectoria de Manuel María, a súa significación no eido cultural e o seu vencello con Galicia, coa Chaira e con Vilalba, ben o fan merecedor dunha homenaxe por parte do pobo de Vilalba, e nomeadamente dunha institución que nos representa a todos: o Concello», din. Ao seu xuízo, darlle o seu nome á Casa da Cultura «sería unha boa mostra de correspondencia para cun home que vai figurar entre os escollidos da cultura e das Letras Galegas», conclúen.

«A súa traxectoria, e o seu vencello con Galicia, a Chaira e Vilalba fano merecedor dunha homenaxe así»

Inst. de Estudos Chairegos

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

O Instituto de Estudos Chairegos pide que a Casa da Cultura de Vilalba leve o nome de Manuel María