Triacastela celebra este domingo a súa unión cos peregrinos

PAULA CURRÁS / M.G. LUGO / LA VOZ

TRIACASTELA

A unión de veciños e peregrinos na primeira edición da Festa do Peregrino
A unión de veciños e peregrinos na primeira edición da Festa do Peregrino ALBERTO LÓPEZ

O municipio acollerá, a partir das dez da mañá, a segunda edición da Festa do Peregrino

17 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Triacastela volverá a vivir este fin de semana unha nova edición dunha festa que, en palabras da súa alcaldesa, Olga Iglesias, «xurdiu para honrar ao peregrino e para que veciños e peregrinos gocen en conxunto».

A peregrinación converteríase xa dende os seus comezos nun dos piares fundamentais para Triacastela. «Se no 2019 nos decidimos a facer por primeira vez esta festa foi porque queremos reivindicar a vocación xacobea da vila. Xa no Códice Calixtino se falaba de que somos o final da undécima etapa a Santiago», comenta a alcaldesa.

O peso do Camiño na vila mantívose co paso dos anos e incluso seguiu medrando, pois segundo un estudo realizado pola facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela no 2019, o 30% do PIB do Concello de Triacastela xa depende do Camiño.

É por iso que Iglesias resalta que o obxectivo da festa será «agradecer ós peregrinos todo o que fan pola nosa vila, para que na medida do posible leven un bo recordo».

Co fin de evitar aglomeracións, os actos repartiranse ao longo do día e tamén da vila. «Ao ser ao aire libre, temos certa marxe, pero dende logo non imos permitir aglomeracións, Ímolo facer con garantías, ademais de ser en espazos abertos, todos os eventos van ser con cadeiras e van estar controlados ata que se complete o aforo», sinala a alcaldesa. Ademais, os actos, que comezan ás dez mañá, rematarán en torno ás dez ou dez e media da noite.

O pregón correrá a cargo do xornalista Luís Celeiro López, veciño da parroquia de Samos, pois tal e como argumenta Olga Iglesias, «que mellor que alguén que nos coñece moi ben, que coñece moi ben Triacastela e o Camiño porque participou e segue participando nel. É alguén que nos aprecia e ao que nos apreciamos».

A primeira actividade do día será un percorrido por un tramo do Camiño de Santiago en tractores clásicos da colección museográfica MUVICLA. Ás once e media producirase a apertura dos postos de artesanía. Media hora máis tarde, ás 12.00, procederase á inauguración da exposición «Triacastela subterránea», organizada polo Club de Montañismo Ártabros e situada no local Fonte do Lunar.

Xa ás 13.00 terá lugar o acto de inauguración da II Festa do Peregrino. Será no palco situado diante da casa do Concello e estará guiado pola artista lucense Lucía Pérez. Posteriormente, Luís Celeiro procederá a pronunciar o pregón. Xa pola tarde, haberá un obradoiro de Cianotipia (16.00), un espectáculo de marionetas na zona dos postos de artesanía (18.00) e unha recreación histórico-teatral polo grupo «Lila teatro» (20.00). O fin de festa correrá novamente a cargo de Lucía Pérez, cantante de O Incio que foi a Eurovisión no 2011. Será ás 21.00.