Un rapaz de 22 anos de Triacastela deseñará un plan de dinamización do concello: «Os bares son o único ocio do rural»

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA TRIACASTELA / LA VOZ

TRIACASTELA

Óscar decatouse da falta de perspectiva rural na súa carreira
Óscar decatouse da falta de perspectiva rural na súa carreira cedida

O estudiante de Educación Social realizará o seu Traballo de Fin de Grao sobre un programa sociocultural que loite contra o éxodo rural

17 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A mocidade ten que moverse moito para que aguante o rural». Con esta clara convicción, o mozo de Triacastela de 22 anos, Óscar Fernández, decidiu empregar a súa especialización para mellorar o seu concello, que conta cuns 600 habitantes cunha idade media de 54 anos. O estudante de último curso de Educación Social na Universidade da Coruña, está deseñando un programa sociocultural de desenvolvemento de Triacastela para o seu Traballo de Fin de Grao (TFG).

—Como xurdiu a idea?

—Como futuro educador social que vou a ser dinme conta na carreira non tratábamos a perspectiva do rural. Eu vivín en Triacastela toda a miña vida, vexo por unha parte que non hai educación social e, por outra, que se está quedando sen ocio e sen actividades culturais. Así que este programa pode ser algo importante para tratar no concello e tamén que sexa extrapolable a outros.

—En qué consistirá o proxecto?

—Será un plan de desenvolvemento local baseado na metodoloxía de acción comunitaria para ofrecer un programa de actividades socioculturais para os veciños de Triacastela, que sexa interxeracional pero que tamén teña tarefas específicas para cada idade.

—Que é a acción comunitaria?

—Consiste en que non haxa un técnico, neste caso eu como educador social, que impoña un programa senón ter en conta as necesidades e propostas dos veciños.

—Por iso fixo unha enquisa entre os cidadáns do concello.

—Si, e sorprendeume moito a boa acollida. Reunín polo momento 84 respostas, compartiuna moita xente. Algúns veciños ofrecéronse para axudarme e faláronme para aportarme documentación.

—Cales foron os resultados?

—A xente observa necesidades insatisfeitas que necesitan cumprirse. Moitos dos participantes reclamaban actividades de envellecemento activo para a terceira idade, pero sobre todo para a xuventude porque o éxodo rural é unha preocupación maioritaria cara o futuro.

—A dinamización pode parar o éxodo rural?

—É un dos piares polos que quero facer o traballo. Un dos problemas que ten o rural é que non hai unha oferta de entretemento que non sexa ir aos bares, que para a maioría é o único ocio que se oferta.

—Víveo vostede en primeira persoa?

—Claro, o que nos ata a Triacastela á xente da miña idade é o emocional, o que sentimos polo noso concello. Pero para os que estamos estudando unha carreira ou un FP superior é complicado traballar no contexto rural. Existe un problema de falta de emprego e de actividades para a xente nova, o ocio segue sendo a gran tarefa pendente do rural. A maioría de actividades, se as hai, son para as crianzas e tampouco son moitas.

—Este tipo de programa tamén pode influír no emprego?

—Si porque o crean, alguén ten que levalas a cabo. Así que pode ser un atractivo para a poboación nova. Eu, por exemplo, non podería traballar de educador social en Triacastela se non é a través destes programas.

—Quere levalo a cabo?

—Oxalá poida. Tería que ser en colaboración co Concello xa que eu non teño os medios para realizalo.

—Triacastela ten pouca poboación, 637 habitantes, é unha vantaxe ou unha desvantaxe?

—Pode ser positivo porque coñezo a practicamente todas as persoas que viven no concello. Ademais, tamén é pequeno en extensión, o que fai que sexa máis accesible para todos acudir ás actividades e máis beneficioso para a participación.

—Xa comezou a deseñar o programa?

—Polo momento estou extraendo datos de poboación e establecendo os puntos chave sobre os que se vai facer o traballo. Teño claro que un deles será o turismo de natureza máis alá do Camiño de Santiago. Coa enquisa descubrín que hai moita xente que non coñece o propio patrimonio do concello, así que o sendeirismo e actividades semellantes servirán tanto para os veciños de Triacastela como para os turistas complementarios ao Camiño.