«Triacastela, Refugio Real» recolle a historia do municipio

La Voz LUGO / LA VOZ

TRIACASTELA

El libro sobre la historia de Triacastela fue presentado hoy
El libro sobre la historia de Triacastela fue presentado hoy Cedida

O libro, escrito por José M. Salgado, foi presentado este sábado 

17 oct 2020 . Actualizado a las 18:05 h.

Este sábado presentouse en Triacastela o libro «Triacastela, Refugio Real», unha obra que percorre a historia do municipio dende a prehistoria, indaga nas súas orixe e mostra a súa oferta turística e cultural actual. 

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, foi a encargada de presentar o libro nun acto ao que asistiu o autor da obra, José M. Salgado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O volume foi financiado con cargo ao Plan Único do ano 2020 da Deputación Provincial de Lugo.

«Triacastela, Refugio Real» é un libro profusamente ilustrado que presenta un relato da historia, do patrimonio cultural, histórico-artístico e humano do municipio de Triacastela. Tras cada páxina hai un intenso traballo de investigación, e achega novos datos históricos, como, por exemplo, a coexistencia de dous concellos durante a Idade Media, un na parroquia de Vilavella (que é a Triacastela que menciona o Códice Calixtino) e outro na Puebla de Triacastela (a actual capital, fundada por Alfonso IX). A edición, moi coidada, inclúe un cento de páxinas e máis de 150 fotografías. Imprimíronse 1.000 exemplares.

O Goberno local ten previsto entregar un exemplar por domicilio de aquí a finais de ano, ademais de pasar a formar parte dos agasallos institucionais cos que conta o Concello.