Cultura científica

María López Sández
María Sández TRIBUNA

TRIACASTELA

06 may 2020 . Actualizado a las 08:30 h.

Estes días a prensa deu a coñecer o labor de divulgación científica que Carmen Cela, unha moza bioquímica de Triacastela, está a levar a cabo nas redes xunto con outras dúas compañeiras, tamén de nome Carmen, coma ela, a través do blog Ciencia con Carmen.

A tradicional distinción entre saberes científicos e humanísticos escindiu o mundo do coñecemento dun xeito que a sociedade actual está a desafiar. Exercer a cidadanía implica, a día de hoxe, tomar decisións de fondo calado bioético, e cada vez é máis necesario termos unha cultura científica, como pon de manifesto a situación que estamos a vivir.

Biólogos, científicos e especialistas de todas as castes falan para os medios desde as casas onde cumpren co confinamento ou desde os laboratorios. E esta visibilidade da ciencia e a divulgación é, sen dúbida, positiva.

Ciencia con Carmen é un proxecto que exemplifica varios cambios culturais importantes que se están a producir e que marcarán as vindeiras décadas: está conxugado en feminino, sérvese das novas canles para a súa difusión e, como consecuencia, racha as tradicionais xerarquías de acceso ao coñecemento.

Estamos ante ciencia en estado puro, en clave dunha nova xeración moi ben formada que inicia as súas carreiras investigadoras coa forza e o pulo da ilusión. Son varias as descentralizacións do poder tradicional que se poñen aquí de manifesto, e é especialmente significativo que nas entrevistas Carmen Cela se identifique con Triacastela e poña o acento no instituto Xograr Afonso Gómez, de Sarria, como punto de arrinque da súa marabillosa vocación.

A casualidade quixo que estas tres amigas que comparten proxecto se chamen Carme, un nome fondamente literario que significa poema, e que nos amosa o que xa deberiamos saber: que a ciencia está chea de fascinantes metáforas e que o seu exercicio destila poesía.