«As casas de antes son agora palleiras»

María Guntín
maría guntín SAMOS / LA VOZ

TRIACASTELA

ALBERTO LÓPEZ

A aldea destaca polas súas construcións tradicionais, aínda que algunhas están en estado ruinoso

05 ago 2019 . Actualizado a las 19:09 h.

San Cristovo do Real é unha aldea pola que pasa unha ruta alternativa do Camiño de Santiago, no tramo que vai de Triacastela a Sarria, que permite a todos os peregrinos que así o desexen facer unha parada en Samos para ver o Mosteiro.

 As edificacións non están en bo estado de conservación. Como patrimonio, a Igrexa de San Cristovo data de finais do século XVII e ten un retablo con estilo churrigueresco, propio do Barroco, cheo de decoración e movemento.

ALBERTO LÓPEZ

Un dos principais atractivos deste enclave é a arquitectura popular da zona que conserva nas súas edificacións. Corredoiras e palleiras forman parte da paisaxe.

Hai anos, estaban habitadas máis de 30 casas. Hoxe só quedan 15 veciños, e a maioría están xubilados e xa non son traballadores do campo que atopan no rural a súa formas e vida. A situación para os hortos é excepcional, xa que a aldea atópase á ribeira do río Oribio.

ALBERTO LÓPEZ

Os veciños piden que se restauren as casas da aldea, que están a piques de caer e, explican, son un perigo para os nenos que durante a fin de semana acoden á casa dos avós. «O que antes era unha casa na que vivía moita xente agora é unha palleira con herba seca», explica unha veciña de San Cristovo, que tamén conta como se marchou a xente máis nova ante a imposibilidade ou ante as dificultades de poder vivir do campo.

 Vexetación

A natureza do entorno e a súa vexetación atópanse ao pasar unha pequena ponte que leva ata o corazón da aldea. Castaños centenarios, nogueiras, figueiras e outras árbores adornan a ribeira do Oribio e tamén as construcións máis tradicionais da zona.

ALBERTO LÓPEZ

A madeira a piques de caer, feísmo en forma de plásticos, unha antiga máquina expendedora abandonada entre as pedras dunha casa son algúns dos elementos que difuminan esta paraxe, situada en pleno Camiño de Santiago.