Luis López Pombo: «Camilo José Cela nunca coñeceu a casa, aínda que o intentou»

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

TRIACASTELA

penoucos

29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

ohistoriador lucense Luis López Pombo foi o que confirmou as orixes dos antepasados de Camilo José Cela en Triacastela tras levar a cabo unha minuciosa investigación que rematou cando lle presentou os datos a un dos irmáns do Nobel, José Luis Cela, cando residía en Compostela.

-¿Como se produciu o descubrimento?

-Estaba preparando o libro Hidalgo y Casas Señoriales de As Nogais, Pedrafita e Triacastela e cando vin a de Meizarán o seu dono, Santiago Fontal, díxome que era a casa onde nacera o avó de Camilo José Cela. Decidín entón poñerme a investigalo ata descubrir que fora o seu bisavó.

-¿Escoitara algunha vez esta posibilidade?

-Algo escoitara cando lle deron o premio Nobel no ano 1989 e o avogado lucense Manuel Eugenio escribiu que a casa onde nacera o seu avó estaba en Lugo.

-¿Camilo José Cela visitou a vivenda?

-Chegouse a pensar que viñera unha vez coa súa dona. A realidade é que quixo vir e que un día que almorzou no Hostal Fonfría nas Nogais preguntou por onde tiña que ir a Meizarán. Ao final meteuse por Nullán e ao non atopar a casa con facilidade desistiu.

-¿Contou coa axuda da familia na súa investigación?

-É complicado contactar cos Cela e cando preguntei na Fundación non sabían nada sobre as orixes lucenses do Nobel. Logrei falar co seu irmán José Luis cando vivía en Santiago e foi moi atento comigo. Díxome que non sabía nada máis que a orixe en Piñor de Cea, polo que decidín buscar nos arquivos diocesanos de Ourense e atopei varios documentos, esencialmente a acta bautismal do avó de Camilo José Cela no que figuraba que seu pai era natural de Triacastela.

-¿Que sentiu cando confirmou a información?

-Despois de atopar eses documentos pensei que estaba todo feito, xa que o resto foi coser e cantar. De inmediato xa lle mostrei toda a documentación a José Luis. A verdade foi que cando encaixei todas as pezas deste puzle sentín unha enorme alegría por fixar as orixes dun premio Nobel en Triacastela.