A Xunta apoiará á USC nas escavacións de Cova Eirós deste verán

lugo / la voz

TRIACASTELA

Trátase dun xacemento único e excepcional sobre os derradeiros neardentais

15 jun 2015 . Actualizado a las 21:27 h.

A Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago (USC) colaborarán nas actuacións arqueolóxicas de Cova Eirós (en Triacastela), un xacemento único e excepcional en Galicia que pode aportar información valiosa sobre a transición entre os derradeiros neardentais e os primeiros humanos modernos.

O conselleiro Román Rodríguez e o reitor Juan Viaño asinaron un convenio segundo o cal o Goberno galego financia con 30.000 euros a continuación dos traballos de escavación, investigación e documentación deste conxunto arqueolóxico que alberga os primeiros restos de arte parietal paleolítico en Galicia. Pola súa banda, a USC será a promotora desta actuación que se levará a cabo este verán.

As actuacións levadas a cabo ata o de agora en Cova Eirós por parte dos investigadores do Grupos de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC en colaboración cun equipo do Institut Catalá de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES) permitiron obter as primeiras conclusións sobre a importancia deste enclave, sobre todo no que atinxe as pinturas e gravados atopados nas paredes da Gran Sala do interior da cavidade. Estes elementos servirán para coñecer e afondar nos modos de vida do paleolítico, as estratexias de caza e a subsistencia destas dúas especies de homínidos.

Proxectos de investigación

Esta actuación enmárcanse nos proxectos de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca media do Miño e Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia, postos en marcha pola USC e a Universitat Rovira i Virgili (Tarragona), que desde o 2006 veñen desenvolvendo diversos proxectos de investigación arqueolóxica.

No caso concreto de Cova Eirós os traballos arrincaron no 2008 con labores de sondaxe e continuaron ata o ano pasado con escavacións arqueolóxicas e traballos de documentación das manifestacións de arte rupestre nesta cavidade.

A maiores do acordo establecido onte entre ambas institucións, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén colaborou co departamento santiagués nos traballos da Cova de Valdavara (no concello de Becerreá), con escavacións, documentación, estudo de materiais e traballos de conservación dos restos óseos deste xacemento paleolítico; que supuxeron un investimento de máis de 35.000 euros por parte da Consellería de Cultura.